marea de vigo retoma os actos informativos sobre urbanismo nos barrios

9 de Outubro de 2017

Marea de Vigo retoma os actos informativos sobre o PXOM nas parroquias e barrios de Vigo o vindeiro venres, comezando na parroquia de Coruxo.

Unha vez coñecida a ordenación provisional, O Grupo Municipal da Marea de Vigo trasladará a posición da mesma nos barrios, nos que centrarase na ordenación que afecta á zona.

“Cúmprense as peores sospeitas que tiñamos sobre a improvisación urbanística que está levando a cabo o Goberno Municipal” explica Rubén Pérez, engadindo que “unha vez rematado o período de exposición pública e coñecidas as alegacións presentadas por algúns colectivos e veciños e veciñas, consideramos que esta ordenación provisional contén multitude de inseguridades xurídicas”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo tamén informará nestas xuntanzas coa veciñanza sobre o que está acontecendo co pago do IBI en canto aos cobros como urbano en lugar de rústico, ao ter pasado a urbano durante a vixencia do PXOM. Recibos que, segundo varias sentenzas xudiciais, deberían ser devoltos.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, “este tipo de xuntanzas e actos informativos son os que debería estar facendo o Goberno de Abel Caballero nos barrios, explicando á veciñanza o que teñen pensado facer en canto ao urbanismo na nosa cidade, nun momento no que existe unha total incerteza sobre o que vai acontecer e sobre os ámbitos que se pretenden desenvolver no futuro urbanístico de Vigo” remata Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.