marea de vigo rexistra unha moción da plataforma sos sanidade pública

2 de Decembro de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción da plataforma sos sanidade para solicitar a retirada do anteproxecto de modificación da lei 8/2008 de saúde de Galicia

A moción solicita a retirada do anteproxecto así como a apertura dun proceso de negociación participativa para, entre outros obxectivos, negociar a recuperación das Xerencias de Atención Primaria coa autonomía e capacidade resolutiva necesaria para promover e previr a saúde da poboación dende os servizos de saúde máis próximos á mesma.

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destaca que “é preciso potenciar a participación social en todas as estruturas do sistema sanitario ante o proceso de perdas e recortes nos servizos públicos de saúde que estamos a sufrir nos últimos anos, froito da aplicación de políticas onde prima o interese privado sobre a defensa do público”.

A este respecto, no anteproxecto queda evidenciado un grave recorte nos propios órganos de participación cidadá, desaparecendo do Consello Galego de Saúde a participación veciñal pero mantendo a representación empresarial. “A lei de saúde de Galicia reflectía ferramentas de participación e control sobre as políticas sanitarias que desaparecerían con esta modificación” engade Marga L. Barreiro.

No eido da atención sanitaria, a proposta de modificación da lei incide nun proceso recentralizador da sanidade, afastándoa cada vez máis da atención primaria, do mesmo xeito que da prevención e promoción da saúde, reducindo as actuais Áreas Sanitarias de 11 a 7. Feito que, segundo a Plataforma SOS Sanidade é “coa intención de equiparar as mesmas ás Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIS), creadas para suprimir as Xerencias de Atención Primaria (AP) que foron absorbidas polos hospitais. De este xeito a AP quedou sometida a hospitalaria perdendo orzamento e autonomía, polo que o sistema sanitario volve ao modelo curativo (reparación do dano) en detrimento da promoción e prevención, moito mais racional e eficiente para a saúde da poboación”

O anteproxecto de modificación da lei así mesmo perpetuaría e consolidaría a arbitrariedade na selección de traballadoras e traballadores sanitarios por libre designación, en lugar de facelo a través do coñecemento, méritos ou capacidade demostrada en probas, exames e concursos, tal e como vén reflectido nos acordos da moción. “Este tipo de prácticas non fan máis que incidir no detrimento da calidade da atención cara aos pacientes e da equidade no eido laboral” lembra Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.