marea de vigo rexistra unha moción en apoio ao persoal tcae

5 de Xuño de 2018

Marea de Vigo rexistra unha moción en apoio ao persoal TCAE do Sergas e en rexeitamento ás coaccións exercidas pola dirección do HAC.

Marga L. Barreiro: “É necesario que desde as institucións se exprese o apoio ás reivindicacións das TCAEs xa que non son outras que a defensa da nosa Sanidade Pública”

Vigo, 5-5-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo, ao igual que se ten feito noutros concellos pertencentes a Área Sanitaria de Vigo, rexistrou esta mañá unha moción para a defensa da Sanidade Publica e contra o modelo privatizador da Sanidade nesta ocasión expresado a través do conflito que está vivindo o persoal TCAE.

O texto da moción fai fincapé no modo no que van derivándose multitude de servizos cara á xestión privada. “O plan de penetración do privado na Sanidade Pública desenvolvida polo Partido Popular non consiste en grandes contratos de externalización da atención médica senón nun sibilino pero constante furar que logrou que a cidadanía descoñeza realmente o alcance das consecuencias das políticas privatizadoras que foron e están aplicándose.”

Para a Marea de Vigo, e tal e como se expresa na moción, un dos exemplos das políticas privatizadoras do Partido Popular, que ademais retro-alimenta ao propio modelo, pódese atopar nas “derivacións masivas aos hospitais privados, xa que estas sempre son xustificadas como alivio ás crecentes listas de espera, unhas listas que non cesan de incrementarse debido á paulatina redución de persoal sanitario na Sanidade Pública” mais o sistema está infestado de contratos con empresas privadas que van moito máis alá da limpeza, lavandería, cociñas ou mantemento dos centros de saúde ou hospitais. Tal é o caso do Laboratorio Central, a historia clínica electrónica, as telecomunicacións, a Plataforma Electrónica e o teléfono de cita previa, o Servizo de Subministracións e Loxística, o mantemento de equipos sanitarios, ou mesmo as contratacións do SERGAS, das que se ocupa outra entidade privada.

“O caso do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde desde a súa posta en funcionamento se denunciou como a dirección política privilexia aos xestores privados en detrimento do público amosa claramente as consecuencias dese modelo de xestión, que na actualidade están padecendo dun xeito especialmente grave as TCAEs, cun aumento das súas tarefas diarias onde, segundo a dirección do HAC, deben asumir cargas de traballo que claramente corresponden á empresa privada concesionaria da xerencia do hospital, froito ademais dunha nefasta xestión entre ela e as sucesivas empresas privadas que xestionan servizos no HAC, como a de limpeza.” engade Marga L. Barreiro.

Marea de Vigo cualifica como impresentable a actitude da administración, a cal, como sempre acontece nestes casos, quere poñer o foco sobre a desobediencia das TCAEs, presentándoo como unha falta de profesionalidade e de responsabilidade, actitude acompañada coa apertura masiva de expedientes disciplinarios nun van intento de xerar medo e desarticular polo tanto as mobilizacións.

“O conflito das TCAEs é unha batalla máis na loita pola defensa da sanidade pública como ben común, polo que é responsabilidade colectiva apoiala e contribuír nela desde todos os espazos e tamén amosando esta realidade á cidadanía” remata marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.