marea de vigo rexistra unha moción pedindo a reprobación do rei emérito e da monarquía como institución obsoleta.

7 de Agosto de 2020

Marea de Vigo rexistra unha moción pedindo a reprobación do rei emérito e da monarquía como institución obsoleta.

Oriana Méndez: “Estamos diante de escándalos dunha magnitude tal que está quedando en evidencia a natureza parasitaria da institución monárquica”.

No primeiro acordo da moción rexistrada pola Marea de Vigo pídese que o Concello de Vigo “esixa a celebración dun referendo no que a cidadanía decida sobre a continuidade da monarquía como depositaria da Xefatura do Estado”.

Vigo,07-08-2020. “Coa fuxida do rei emérito Juan Carlos I, no medio dun proceso xudicial aberto tras facerense públicas as numerosas manobras que deixan cada vez menos dúbidas sobre a súa responsabilidades nunha profunda trama de corrupción, o descrédito da monarquía xa se converteu nun clamor popular” asegura Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “Estamos diante de escándalos dunha magnitude tal que está quedando en evidencia a natureza parasitaria da institución monárquica, está quedando en evidencia que a principal función da monarquía é perpetuarse no tempo, enriquecéndose grazas ao esforzo da maioría social, e sendo inútil para o progreso, a igualdade e a prosperidade desa mesma maioría social” enfatiza a concelleira.

O 11 de xuño o Grupo municipal da Marea de Vigo rexistrara unha petición no Concello co fin de mudar o topónimo da Praza do rei, polo anterior, Campo de Granada; e retirar o busto de Juan Carlos I da recepción do Concello de Vigo. “Hoxe, 7 de agosto, é necesario ir un paso máis alá e por iso propoñemos que o Concello de Vigo exixa a celebración dun referendo onde a cidadanía poida decidir. Propoñemos tamén que o Concello de Vigo inste ao Goberno do Estado e ao Congreso das Deputadas a que inicien unha investigación parlamentaria polas accións realizadas por D. Juan Carlos de Borbón e a derrogar o delito de inxurias ao rei e á Casa Real recollidos nos artigos 490.3 e 491 do CP. De aprobarse os delitos que se investigan, tamén pedimos o reingreso as arcas públicas do patrimonio adquirido ilegalmente polo rei emérito. Por último, instamos a todas as administracións, a comezar polo Concello de Vigo, tal e como fixemos o pasado 11 de xuño, a retirar calquera honra ou titulo honorífico que ostente Juan Carlos de Borbón”