marea de vigo rexistra unha moción pola adhesión do concello de vigo á querela arxentina.

4 de Setembro de 2020

Marea de Vigo rexistra unha moción pola adhesión do Concello de Vigo á querela arxentina.

Oriana Méndez: “Precisamente nestes momentos, nos que o réxime saído da transición pecha filas entorno a si mesmo dificultando romper coa impunidade do franquismo, é máis necesario ca nunca que os concellos se posicionen pola defensa da democracia, na búsqueda da verdade, a xustiza e a reparación.

Vigo, a 4-9-2020. O Grupo municipal da Marea de Vigo viu de rexistrar hoxe unha moción na que se solicita que o concello de vigo manifeste o seu apoio e adhesión á denominada Querela Arxentina, que “está levando adiante a maxistrada María Servini por delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade contra os responsables da conculcación de dereitos humanos durante o franquismo” sinala Oriana Méndez, concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Dende o ano 2010, a xuíza arxentina leva adiante unha causa contra o franquismo e os seus protagonistas vivos por delitos de xenocidio e lesa humanidade, “delitos que nin prescriben nin poden ser amnistiados por ningún tipo de lei de punto e final” apunta a concelleira no propio texto da moción. “Aínda sendo tramitada desde instancias internacionais, esta querela vén quebrando e regañando ese muro de impunidade do franquismo contra o que tantas persoas, tamén veciños e veciñas de Vigo, investigadores e organizacións sociais e políticas vimos combatendo. Resulta, pois, un feito de importancia transcendental na loita pola Xustiza, a Verdade e a Reparación dos danos causados ás centos de miles de vítimas do franquismo”.

Nos acordos contidos na moción, Marea de Vigo solicita a “incorporación da cidade olívica na Rede de Cidades pola Xustiza e a Memoria”, plataforma na que concellos de todo o Estado comprométense a impulsar accións xudiciais para rematar coa impunidade da ditadura franquista así como a “revisión da simboloxía franquista dos edificios de titularidade municipal co obxectivo de eliminala, instando tamén a outras Administracións a que fagan o propio nos edificios da súa titularidade tendo en conta o artigo 15 da Lei de Memoria Histórica”. Do mesmo xeito, Marea de Vigo tamén reitera a súa petición de “sinalización dos escenarios representativos da memoria de Vigo como a Porta do Sol, Pereiró, cárcere no actual MARCO, Frontón de María Berdiales, porto de Vigo, Lavadores, entre outros” e o “recoñecemento específico a tres vigueses loitadores pola liberdade e pola democracia, que estiveron entre os últimos asasinados polo franquismo: José Humberto Baena Alonso, José Luis Sánchez-Bravo Solla e Xosé Ramón Reboiras Noia”.

Na mesma liña, o Grupo municipal solicita o “recoñecemento institucional aos 226 funcionarios municipais represaliados pola Comisión Depuradora do Concello no período inicial da ditadura” e a “revisión das condecoracións da cidade outorgadas durante o réxime franquista”.

“Solicitamos que o Pleno do Concello de Vigo condene esplícitamente a sublevación militar fascista dirixida polo xeneral Francisco Franco contra o lexítimamente constituído no ano 31, así como que condene o réxime ditatorial posterior, que durante corenta anos reprimiu a sangue e lume todo vestixio de disidencia e de loita pola liberdade. Nesta liña de compromiso, por tanto, pedimos que o Concello de Vigo manifeste o seu apoio e adhesión á Querela Arxentina” conclúe Oriana Méndez.

 

*Foto: Vigopedia