marea de vigo rexistra unha moción a prol da linguaxe inclusiva

29 de Setembro de 2017

Marea de Vigo rexistra unha moción a prol da linguaxe inclusiva pedindo a adhesión do Concello de Vigo á guía de comunicación inclusiva da deputación de pontevedra

No pasado mes de xuño, esta moción foi aprobada, xa como declaración institucional, na Deputación de Pontevedra, contando co apoio da unanimidade do Pleno.

Esta iniciativa, materializada nunha “Guía de linguaxe inclusiva”, contén unha serie de ferramentas como poden ser estratexias léxicas e gramaticais, ou consellos á hora da utilización da linguaxe no eido da institución.

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera “necesaria a aplicación deste tipo de medidas na institución municipal, onde, actualmente, atopámonos con erros lingüísticos respecto á perspectiva de xénero; igual que viña ocorrendo na Deputación”, feito que motivou a presentación, no seu día, da Moción pola linguaxe inclusiva por parte do representante da Coalición Son na Deputación de Pontevedra. “Non fai falta percorrer nin rebuscar moito na páxina web de diferentes concellos da provincia para observar exemplos de linguaxe sexista ou non inclusiva, e, ante isto e ante a posibilidade de sumar Vigo á ferramenta que supón a Guía, decidimos rexistrar esta moción no Concello” explica Marga L. Barreiro.

A moción do Grupo Municipal insta ao Pleno á adhesión do Concello de Vigo á Guía de Comunicación Inclusiva da Deputación, así como á formación do persoal administrativo en linguaxe non sexista, coa realización de campañas internas que promovan o uso da linguaxe inclusiva en todos os documentos e comunicacións do Concello de Vigo, formando internamente ao funcionariado en materia de xénero. A moción busca, por tanto, e segundo Marga L. Barreiro, “corrixir todos os erros que historicamente se cometeron no tocante á linguaxe desde as institucións públicas, non representando ao 50% da poboación. Esta reivindicación vén supoñer unha pata fundamental na loita feminista”.