marea de vigo rexistra unha moción promovida por asjubi40 para recuperar dereitos para as e os pensionistas con máis de corenta anos de cotización.

16 de Marzo de 2021

Marea de Vigo rexistra unha moción promovida pola asociación de pensionistas “jubilación anticipada sin penalizar”, ASJUBI40, para recuperar dereitos para as e os pensionistas con máis de corenta anos de cotización.

Rubén Pérez: “Coa modificacion da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobada polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro do ano 2015 comezaron a actuar coeficientes de penalización para persoas que, con máis de 40 anos cotizados quixeran xubilarse antes da idade legal”.

Vigo, 16-03-2021. Marea de Vigo trasladou hoxe ao rexistro do Concello unha moción promovida pola asociación ASJUBI40 nos concellos do conxunto do estado co obxectivo de eliminar as penalizacións para as persoas que, con 40 anos cotizados teñen que afrontar penalizacións económicas á hora de poder acceder á prestación.

“A data de hoxe, na provincia de Pontevedra encóntranse unhas 10.000 persoas xubiladas afectadas por estas circunstancias. En ocasións, trátase de persoas que comezaron a traballar moi novas, algunhas incluso á idade de 14 anos e que, despois de botar case toda a súa vida traballando, prefiren rematar antes a súa vida laboral” explica Rubén Pérez. “Noutras ocasións – prosigue – , tamén se trata de persoas que foron despedidas das súas empresas e que, despois de estar un tempo no paro e de non encontrar ningún traballo, tiveron que pedir esta xubilación anticipada de maneira, supostamente, voluntaria, co obxectivo de poder contar cuns ingresos para vivir e tendo que asumir involuntariamente esta penalización na súa pensión.”

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, sinala ademais que “En Vigo este isto acontece con moitos traballadores do sector naval non poden xubilarse ao perder unha parte umportante da futura pensión”. O voceiro apela ao debate plenario cara á aprobación dunha moción que insta ao Goberno central a volcver á situación anterior, “evitando que estas persoas teñan que pasar por un tempo de desemprego ou baixo axudas económicas previas ás pensións por xubilación”.

📌 mocion xubilacion anticipada rexistrada