marea de vigo abstense na primeira votación do novo pxom ante a falla de transparencia e participación cidadá.

12 de Agosto de 2021

Marea de Vigo abstense na primeira votación do novo PXOM ante a falla de transparencia e participación cidadá.

Rubén Pérez: “O planeamento non pode ser un instrumento feito ás costas da cidade, debe ser algo máis que abrir un buzón online para que cada veciño ou veciña poida facer unha aportación.

Trátase da aprobación da norma máis importante para os próximos 25 anos, “e iso ten unha responsabilidade no Goberno local en canto a trasladar a información e o debate á veciñanza como corresponde, máis aló de anuncios en medios de comunicación” sinala o voceiro municipal.

 

Vigo, 12-08-2021. Hoxe, o voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, trasladou a súa valoración tras a xuntanza da Xerencia de Urbanismo co equipo redactor do novo Plan Xeral, sobre a que afirmou que, dende da Marea de Vigo “seguimos vendo con sorpresa a metodoloxia que se está levando a cabo para a aprobación deste novo Plan Xeral”. “Á limitación das asembleas veciñais para valorar o texto inicial do Plan imposta pola situación de pandemia – engade – , súmase a decisión do Goberno local de aprobar o proxecto de xeito apresurado neste mes de agosto, a pesar da ampliación do prazo para as alegacións que se decida facer despois”.

Para Marea de Vigo resulta esencial a discusión sobre a inclusión no Plan de unha progresión de 50.000 vivendas ligada a unha progresión de poboación que vai superar en 20.000 persoas aproximadamente a poboación actual, “cando, o propio equipo recoñece que esa prognose poida estar sobredimensionada, asumindo deste xeito posibilidade de non desenvolvemento de determinados ámbitos deixando unha reserva de espazos edificatorios”, o que supón, segundo Rubén Pérez, “o cerne do problema do planeamento actual, do planeamento do 2008 e do planeamento do 1993”. “Pensar que hai que reservar grandes espazos de solo urbano non consolidado ou de solo urbanizable para que logo os promotores vaian collendo dependendo de como vaian os ventos para poder levar adiante actuacións en materia de vivenda é o gran erro do urbanismo vigués” apunta.

Marea de Vigo insiste na necesidade de fomentar outro tipo de elaboración de planeamento urbanístico, para evitar que volvamos ter un planeamento no que ante o silencio ás alegacións da veciñanza poidamos acabar outra vez cun plan anulado por unha sentenza xudicial. “Semella que se está a facer unha carreira desenfrenada para aprobar o planeamento co argumento da necesidade de ter un Plan para o desenvolvemento económico da cidade, co perigo de estar recuperando grandes eivas e erros do pasado, como moitos dos PERIs que se volven recuperar” sinala o voceiro municipal.
Por outra banda, Marea de Vigo valora positivamente que o Plan teña conta cuestións que o do 2008 non entendía, como o máis do 65% de zonas verdes, ou a necesidade de ter en conta que Vigo está nunha área metropolitana en canto á xestión de solo industrial.

“Vamos a seguir coa folla de ruta que sempre propuxemos para o urbanismo: transparencia e baixando aos barrios, trasladando cal é a nosa alternativa para cada un dos problemas que amosa o desenvolvemento urbanístico na cidade” conclúe Pérez.