marea de vigo segue considerando urxente activar medidas de contención do consumo de auga en vigo e que o concello comece xa unha campaña de sensibilizacion.

4 de Xullo de 2022

Marea de Vigo segue considerando urxente activar medidas de contención do consumo de auga en Vigo e que o Concello comece xa unha campaña de sensibilizacion.

Rubén Pérez: “O novo sistema tarifario que traslada aos custes de mantemento o aforro que as familias poderían notar nas facturas adaptadas ao consumo real é en realidade un desincentivamento do aforro porque non se nota de xeito sensible nas tarifas”.

O Grupo urxe a modificar a ordenanza e asumir os investimentos como investimentos orzamentarios públicos para cargar á veciñanza só os estrictamente necesarios.

Vigo, 04-07-2022. A pesar de que os datos dos embalses que abastecen Vigo aínda non son preocupants, o certo é que “hai unha diminución de máis dun 1% semanalmente e se a media a estas alturas do ano de auga embalsada nos últimos 10 anos era do 84,52% actualmente está en 71,35%” afirma o voceiro municipal, feito que considera que o que debería é “activar políticas de fomento do aforro de consumos, especialmente por parte das administracións públicas” engade.

Á vista da realidade, Marea de Vigo insiste na necesidade de implementar políticas de aforro e de renovación xa que “segue existindo unha rede obsoleta, especialmente no rural, e dos máis de 25 millóns de investimentos consignados a AQUALIA por ampliacións de rede non se estableceron prioridades e en numerosas zonas existen problemas de roturas e falla de presión”

A solución ao abastecemento que Xunta e Concello estudan é en todo caso, segundo o voceiro, “unha solución a longo prazo” xa que pretenden que sexa en torno a trasvases e construcións de novos encoros, “solucións nada ecolóxicas, que teñen ademais un trámite ambiental e construtivo longo e que dende logo non contan co consenso social suficiente para acometelas” suliña Pérez. Marea de Vigo, fronte a estas solucións, sempre mantivo que a rede de abastecemento debe ser arranxada “xa que aínda ten km de tubaxe obsoleta de fibrocemento e forxado”, que non existe un plan real de empregar os recursos da ampliación da concesión de AQUALIA en priorizar investimentos que eviten desperdicio de auga e que “se verdadeiramente tivésemos un servizo público de abastecemento e saneamento e non un negocio privado, os consumos e perdas estarían máis regulados e o aforro de auga sería enorme” sostén o voceiro do grupo municipal.

Marea de Vigo discrepa profundamente na “teima” de non abordar todas estas melloras e optimización da rede e “apostar polo fácil pero ambientalmente insostible”, como é estudar novos encoros nos ríos Oitaven e Verdugo, ou o bombeo de auga dende o Miño. “Son solucions que non teñen o consenso da sociedade civil, dos concellos afectados e especialmente dos colectivos ambientais que levan anos denunciando as graves deficiencias na política de abastecemento que Concello, Augas de Galicia e Confederación Hidráfica Miño-Sil” engade Rubén Pérez.

Igualmente, Marea de Vigo lembra que cando se actualizou a ordenanza reguladora que rexe o servizo e os prezos do suministro e saneamento “era a unha oportunidade para modificar os hábitos de consumo de auga na cidade, facendo que a veciñanza notase na factura que aforrando auga pagan menos” e deste xeito ter unha optimización inmediata do recurso, “mais nada se fixo ao respecto”.

Do mesmo xeito, o Grupo municipal afirma que “existen aínda medidas que poden supoñer un aforro de máis dun 20% dos consumos de auga” a través de políticas de xestión da reutilización de augas depuradas tal e cmo se fai en moitas cidades do estado, nas que os sistemas de rego de parques e xardíns xa é directamente con auga procedente de depuradoras, ou a canalización de fontes e capas freáticas de auga que actualmente van directamente aos sumidoiros. “Temos centos de exemplos de nacentes de auga que directamente se conectan co saneamento na nosa cidade e precisamos especialmente unha campaña potente de fomento do aforro e de políticas de consumo de auga responsable, actualmente inexistente” conclúe o portavoz.