marea de vigo segue demandando que se escoite á veciñanza para a aprobación do orzamento municipal para o 2021.

18 de Decembro de 2020

Marea de Vigo segue demandando que se escoite á veciñanza para a aprobación do orzamento municipal para o 2021 e e vota en contra da proposta do Goberno local dos mesmos na Comisión de Facenda.

Oriana Méndez: “Non entendemos porque o Goberno local ignorou as demandas do movemento veciñal, neste caso a FAVEC e a AAVV de Teis, que presentaron alegacións perfectamente documentadas, posibles e cun emprego realizable de recursos para mellorar as dotacións públicas nos barrios e garantir a actividade nos centros veciñais no 2021, un ano que sen dúbida será dificil”.

Vigo, 18-12-2020. Marea de Vigo insiste na necesidade dun proxecto orzamentario participativo “especialmente neste momento político e cun orzamento que sumando remanentes e orzamento superará por primeira vez na facenda local viguesa os 300 millóns de euros” explica Oriana Méndez, concelleira do Grupo. “De novo – prosigue-, o Goberno local ignora a madurez política da sociedade viguesa e decide que o proxecto orzamentario non só non teña un capítulo participativo previo á elaboración do mesmo, senón que desoe de xeito palmatorio as sucesivas reclamacións de liñas de axudas e proxectos que den pulo ao proceso de reconstrución económica e loita contra o impacto que a crise da COVID-19 ten en Vigo: reclamacións das AAVV, do sector comercial e hostaleiro, do tecido cultural da cidade, etc… que foron trasladadas públicamente e por rexistro ao Goberno local”.

Análogamente, o Grupo municipal da Marea de Vigo votará en contra do proxecto orzamentario do Goberno local no Pleno do vindeiro 23 de decembro, xa que, segundo Oriana Méndez, “non foron escoitadas as ducias de propostas trasladadas pola Marea de Vigo e outros grupos da oposición, especialmente as solicitudes de axudas directas ao sector da hostelería e o comercio local”, nas que Marea de Vigo pedia máis de 15 millóns de euros para estes empregos, así como aumentar o importe do gasto social por habitante para chegar aos 100 euros de gasto social por habitante en 2021.

Marea de Vigo demandaba tamén a habilitación de partidas orzamentarias para o sector cultural da cidade, “proposta que engarzaba cos reiterados chamados do sector cultural da cidade a habilitar axudas en réxime de concorrencia competitiva, programas específicos e asesoramento para proxectos culturais abocados a permanecer pechados ou con serias limitacións de difusión e aforo” engade Oriana Méndez. “O sector cultural leva dende marzo nunha situación de permanente cancelación de eventos e cunha incerteza do que pode acontecer nos vindeiros meses – asegura a concelleira-. A programación, esencial no sector, non pode nin prepararse nin garantizarse incluso para aquelo xa contratado ante a inseguridade da evolución da pandemia na nosa cidade. Urxe polo tanto comenzar xa con recursos deste remanente e completar cunha aposta decidida polo sector nos orzamentos municipais para o 2021”.

Marea de Vigo entende que estas axudas directas, que xa foron habilitadas en centos de concellos, “van na líña de evitar os impactos en miles de familias, proxectos e negocios, facilitando axuda e procedementos ante a urxencia da situación xerada polo COVID19 e o brutal impacto que está tendo na economía local, sen entrar a discutir a cuestión das competencias, que obviamente poden ser compartidas e priorizadas” matiza a concelleira.

O voto negativo da Marea de Vigo plantéxase como unha DEVOLUCIÓN DA PROPOSTA DE ORZAMENTO XERAL DO CONCELLO DE VIGO PARA O ANO 2021 á Xunta de Goberno Local para a apertura dun novo período de elaboración do mesmo con criterios participativos, centrados na realidade da crise económica e social creada pola pandemia da COVID-19 na nosa cidade, e, polo tanto, cun criterio de elaboración do proxecto orzamentario coas prioridades antes descritas.