marea de vigo sinala 10 incumprimentos do concello en materia de políticas activas para as persoas con diversidade funcional.

3 de Decembro de 2019

Marea de Vigo sinala 10 incumprimentos do Concello en materia de políticas activas para as persoas con diversidade funcional.

Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo, sinala no día Mundial da Discapacidade que “Vigo segue sen cumprir compromisos cos colectivos sociais que loitan polos dereitos das persoas con diversidade funcional pese ás reiteradas promesas ademais de esquecer adaptar o modelo de desenvolvemento urbano a un escenario que facilite a vida ás persoas”.

Vigo, 03-12-2019. Marea de Vigo lembra hoxe, aproveitando o Día Mundial das Persoas con Discapacidade, as 10 carencias principais da cidade de Vigo en materia de promoción dos dereitos e benestar das persoas con diversidade funcional, especialmente no tocante a actuacións que poden acometerse dende a administración local. A xuizo do Grupo municipal da Marea de Vigo estas son:

1. VIGO CONTA CUN NÚMERO DE PRAZAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INSUFICIENTE. Foi reiteradamente trasladada ao Pleno a necesidade de máis prazas de estacinamento para persoas con diversidade funcional, especialmente en zonas sensibles como centros de saúde (por exemplo no caso dos centros de saúde de Sárdoma ou no centro urbano) nas que apenas existen 1 ou 2 prazas de estacionamento deste tipo. Vigo conta aínda cun ratio moi pequeno de prazas para unha cidade de casi 300.000 habitantes.

2. VIGO CONTA CUN CONSELLO MUNICIPAL DE ACCESIBILIDADE DENDE 2003 SEN ACTIVIDADE REAL. Coa finalidade de traballar cara á eliminación de barreiras urbanísticas, arquitectónicas e de comunicación o Concello de Vigo creara o Consello de accesibilidade o 6 de xuño do 2003. Este órgano nin se reune nin ten vida, a pesar de ter aprobado un regulamento en Pleno, que literalmente pretendía “potenciar a participación das persoas con discapacidade nas políticas municipais de atención, integración social e calidade de vida. Trátase dun órgano colexiado de carácter consultivo e de participación no ámbito dos servizos sociais, en todas as cuestións referentes á problemática das persoas con discapacidade. O Consello local de accesibilidade ten como principais funcións estudar e emitir informes sobre os aspectos relacionados coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Emitirá ditames e informes sobre todas aquelas cuestións relacionadas, asesorando á corporación municipal.” Nada disto se promove nin se actualiza.

3. VIGO NON ADAPTOU UNHA PARTE IMPORTANTE DO MOBILIARIO URBANO (MESMO O NOVO DAS HUMANIZACIÓNS) Á MOBILIDADE ACCESIBLE. Os proxectos orixinais de humanizacións en moitos casos non teñen un estudo de mobilidade accesible e mesmo as modificacións dos proxectos eliminan aspectos que axudan á mobilidade accesible. Caso de instalación de bancos, papeleiras ou mesmo xardineiras en lugares que non existen nos proxectos aprobados. Hai unha contínua improvisación mesmo con exemplos palpables como a non existencia de accesibilidade incluso a elementos moi requeridos coma por exemplo moitos dos elementos decorativos do nadal cos que a veciñanza interactúa.

4. VIGO PERMITE O INCUMPRIMENTO REITERADO DA ORDENANZA DE TERRAZAS SENDO ALGUNHAS RÚAS IMPRACTICABLES PARA PERSOAS CON CADEIRA DE RODAS. Para moitas das persoas con diversidade funcional (persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida, etc…) atravesar as rúas da cidade cunha manifesta ocupación ilegal por mesas, cadeiras, elementos da actividade hostaleira como displays de prezos, estufas de terraza, etc, é un auténto suplicio. A “barra libre” destes elementos, sen control e sen obrigación de cumprir mesmo a ordenanza municipal trae graves consecuencias a parte da cidadanía.

5. VIGO GASTARÁ GRAN PARTE DOS 15 MILLÓNS DE EUROS DE FONDOS EDUSI EN INFRAESTRUTURAS DE MOBILIDADE QUE NON PODEN SER EMPREGADAS POR PERSOAS EN CADEIRAS DE RODAS. A pesar dos avances en mobilidade con sistemas de elevación e ascensores, as rampas que se instalan non se adaptan a persoas con mobilidade reducida existindo xa rampas e escaleiras adaptablables a cadeiras de rodas en moitas cidades do estado e de Europa.

6. VIGO NON INSTALOU PICTOGRAMAS IDENTIFICATIVOS NOS EDIFICIOS PÚBLICOS PARA PERSOAS CON TEA (TRASTORNO DO ESPECTRO AUTISTA). Pese as reiteradas promesas, os edificios públicos municipais seguen sen ter sinalizacións mediante pictogramas que permitan a autonomía das persoas con TEA. Unha inversión sinxela e que serviría para que diferentes entidades públicas e privadas tomaran exemplo do Concello de Vigo.

7. VIGO NON ADAPTOU A TOTALIDADE DAS RÚAS DA CIDADE A MODELOS ACCESIBLES ESPECIALMENTE NO RURAL. Na periferia da cidade a accesibilidade da rede viaria é aínda inexistente ou escasa. Non hai semáforos con aviso de son ou dictado de cruce, non existen beirarrúas accesibles en moitos barrios e parroquias e mesmo a iluminación de moitas rúas e deficiente para persoas con problemas de visibilidade.

8. VIGO NON TEN UNHA REDE DE VIVENDAS DE EMERXERCIA ADAPTADAS A PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL. A inexistencia de programas municipais de vivenda tanto para persoas en risco de exclusión social como programas de vivenda pública municipal imposibilitan a adopción dun programa específico para persoas con discapacidade que xa funciona de xeito estable en cidades como Madrid ou Barcelona. O discurso competencial non pode ser escusa para non adoptar estas políticas cando concellos de todo o estado o asumen como un programa esencial dentro dos servizos sociais municipais.

9. O TRANSPORTE PÚBLICO SEGUE SEN ADAPTARSE Á MOBILIDADE ACCESIBLE. Pese a que todos os autobuses teñen rampas, hai queixas reiteradas de usuarios e usuarias que en moitos casos, queixas que fan referencia a que estas non están operativass, obrigando a esperar a outras frecuencias de bus coa rampa en funcionamento. O mantemento e bo funcionamento das mesmas ten que estar garantido no vindeiro prego concesional actualmente en elaboración.

10. VIGO CARECE DUN PROGRAMA ESPECÍFICO DE EMPLEABILIDADE DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL. Dentro do plan de emprego non se trata de reservar prazas para persoas con discapacidade, senón da creación de programas específicos que garantan unha empregabilidade estable máis aló dos tres ou seis meses, que establezan sectores laborais prioritarios para evitar ese, por exemplo, segundo datos do INE, máis dun 60% de mozos e mozas con discapacidade que non teñen emprego.