marea de vigo sinala a necesidade de modificar o pxom trala decisión da xunta de non financiar o vial que atravesa varias parroquias

11 de Xaneiro de 2023

audio da nova:

Marea de Vigo salienta que o feito de que a Administración autonómica non financie 83 dos 253 millóns de euros dos investimentos en infraestruturas previstos na memoria económica do futuro PXOM obriga a modificar substancialmente a memoria económica do PXOM ou a valorar a modificación ou supresión deste vial.

11/01/2023

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo mantivo onte unha xuntanza coa Plataforma de Afectados pola proposta de ampliación da PO-010. Despois deste encontro, Rubén Pérez destaca que é incomprensible o feito de que un planeamento diga textualmente que “A administración Autonómica está presente no financiamento da actuación da vía de Alta Capacidade PO-010, Rolda de Vigo no Plan MOVE, da súa titularidade, timidamente iniciada cos seus 630 metros entre a VG-20 e o inmediato Polígono Industrial de Balaídos, urxida na súa necesidade pola precariedade de acceso a emprazamentos supramunicipais estratéxicos como o Parque Tecnolóxico e Loxístico, o Hospital Álvaro Cunqueiro ou o propio Campus Universitario, e agora definitivamente requirida pola ampliación do Polígono de Balaídos e das instalacións de PSA”, sen ter pactado mediante convenio ou documento de intencións a financiación e desenvolvemento do mesmo.

Rubén Pérez lembrou que a Lei do Solo de Galicia, no seu artigo art. 59.2, salienta que o planeamento debe ser claro avaliando o custo da execución dos sistemas xerais e das actuacións e investimentos previstos, establecendo o carácter público ou privado dos mesmos en canto a financiación e sobre todo xustificar as previsións que cumpra realizar con recursos propios do Concello: “Neste caso os 83 millóns de euros son un imprevisto se finalmente se financian con cargo aos recursos propios” sinala Rubén Pérez.

Despois de escoitar ás veciñas e veciños, Rubén Pérez considera que é sorprendente que no PXOM se configure unha infraestrutura que terá un elevado impacto ambiental, económico e cun desenvolvemento construtivo superior aos 15 anos, e que a Xunta de Galicia, administración responsable da súa financiación segundo o PXOM, non se amosara contraria ao mesmo ou á súa financiación cando o Concello remitiu o os documentos iniciais do PXOM para ser sometidos a Avaliación Ambiental Estratéxica.

Marea de Vigo urxe a que Xunta e Concello manteñan unha xuntanza seria e pensando no interese xeral, na evidencia das fallas de plantexamento deste vial e mesmo na ausencia de estudos reais da mobilidade prevista. Nesa xuntanza deberá abordarse de xeito técnico como se prevé que o vial resolva os problemas actuais de mobilidade, toda vez que non parece que a solución veña con cargo a esa infraestrutura e que dende o goberno local se dean versións contraditorias sobre a súa finalidade: se desconxestión do tráfico, se acceso rápido ao Álvaro Cunqueiro, se a Stellantis, …