marea de vigo sobre a idoneidade de abel caballero para a coordinación da acollida das persoas refuxiadas.

13 de Xuño de 2018

Marea de Vigo afirma que Abel Caballero non é a persoa máis axeitada para xestionar o futuro das persoas refuxiadas.

Xosé Lois Jácome: “O alcalde do PSdG-PSOE, Abel Caballero, e o seu goberno, ten demostrado nulo interese tanto polas persoas refuxiadas como pola cooperación internacional para axudar nos países de orixe”.

Vigo, 13-06-2018. Marea de Vigo, estando totalmente dacordo con todas as accións encamiñadas a darlle un futuro digno a todas as persoas refuxiadas, nomeadamente nestes días as persoas que están no buque Aquarius, cualifica como extremadamente contraditorio que sexa precisamente Abel Caballero quen, dende a presidencia da FEMP, teña que levar a cabo a coordinación para a súa acollida, cando o percorrido do Concello que preside en materia de cooperación internacional e axuda ás persoas refuxiadas amosa unha clara deixadez e unha evidente falta de vontade.

Para a Marea de Vigo, resultou máis que evidente a falla de compromiso do goberno local, por unha banda, coas persoas refuxiadas, ao absterse na moción que presentaba o grupo municipal da Marea de Vigo xa en xaneiro do 2017, na que entre outros acordos se pedía a asunción das medidas recollidas nas demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, e pola outra, coa propia cooperación internacional cando, no 2015, de xeito unilateral, o Concello de Vigo saía do Fondo Galego de Cooperación Internacional para, en teoría, levar a cabo a súa propia cooperación internacional. Dende ese momento non foron quen de levar a cabo gasto algún neste eido xa que carecían das bases legais necesarias coas que si que contaba o Fondo Galego de Cooperación Internacional, sendo o que daba o marco legal para facelo. Polo tanto, o Concello de Vigo gastou unicamente, no ano pasado, a través de dúas subvencións, 50.000 euros da partida que anteriormente era de 95.000.

Nesa liña foi o acontecido co consello municipal de cooperación, consello non convocado dende fai máis dun ano, no que, curiosamente na última xuntanza, na primavera do 2017, o debate xiraba en torno á introdución de empresas privadas nos proxectos de cooperación internacional, práctica literalmente ilegal, tal e como nesa altura aclarábase por parte das ONG’s presentes. “Supoñemos que a falla de convocatoria do consello tamén se debe á nula importancia que se lle da ao mesmo, ao non querer contar co seu asesoramento” engade Jácome.

“A cooperación internacional, entre moitos outros factores, tamén é parte da axuda que se debe ofrecer desde as institucións para tratar de, en grado algún, frear, diminuír, ou evitar as terribles causas que abocan á poboación a fuxir, tanto estas sexan económicas ou froito de conflitos armados (moitos deles incluso apoiados por países membros da UE).” remata Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.