marea de vigo sobre a lei de iniciativas empresariais proposta polo pp

22 de Setembro de 2017

Marea de Vigo cualifica de “broma de mal gusto” a Lei de Iniciativas Empresariais proposta polo PP

Marga L. Barreiro: “Acabamos de coñecer nos últimos días a iniciativa presentada por urxencia polo Partido Popular no Parlamento galego e aprobada exclusivamente cos votos deste partido.”

O Partido Popular argumenta a xustificación da urxencia así:

“Existe nestes momentos en Galicia unha preocupación compartida por axentes sociais e grupos políticos relativa á necesidade de tomar medidas para que a implantación empresarial na nosa Comunidade resulte aínda máis atractiva para os investidores. As empresas de todos os sectores reclaman maiores facilidades tanto na adquisición de solo como na tramitación das autorizacións ou no apoio público.

O proceso de recuperación da actividade económica que está a vivir o noso país debe ter continuidade e, en consecuencia, Galicia necesita encarar o ano 2018, para o que diferentes entidades públicas e privadas prognostican un crecemento do PIB próximo ao 3 %, tendo en vigor un potente paquete de incentivos á instalación de empresas, de xeito que ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia nin minguar a súa capacidade de competir coas moi favorables condicións de implantación empresarial que ofrecen outras zonas limítrofes.”

Ninguén pode crer que esta xustificación sexa suficiente cando as consecuencias da aprobación desta Lei e a súa posta en marcha poden ser devastadoras para o país e a súa poboación.

Unha lei que vén acaparando numerosas críticas de diferentes axentes relevantes como por exemplo ADEGA, CIG, FRUGA ou ORGACCMM. A Marea de Vigo comparte ao cen por cen o xuízo feito pola agrupación científica SGHN que apunta, entre outras cousas, “a ausencia dos principios de desenvolvemento sociais, económicos, ecolóxicos, a protección do patrimonio natural e cultural, e a protección dos dereitos da cidadanía afectada polas iniciativas empresariais”.

“Sen dúbida ningunha, dende a Marea de Vigo cremos que esta lei só vai beneficiar aos amigos de Feijóo, é dicir, ás grandes multinacionais en detrimento da cidadanía e das PEMES. É indignante que o PP continúe utilizando eufemismos para regalar a nosa terra ao capital; liberalizando sectores da economía galega” argumenta Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Coa incorporación desta nova lei, modifícanse ata doce leis; a de cooperativas, a da minaría, a do sector eólico, a de auga, montes, solo, procedemento administrativo, taxas, prezos, turismo, estradas, patrimonio cultural e a de conservación da natureza, tal como apuntou a Sociedade Galega de Historia Natural.

Á Marea de Vigo preocúpaa este xeito radical de abrir os mercados en favor de grandes corporacións, ás que se lle dá cancha libre para operar sen respectar o medio ambiente e o territorio. Ademais, foméntase un modelo de industria que deixa empregos residuais no país. Non hai que agardar moito para valorar a quen beneficia esta lei; “o PP vende na Xunta eufemismos mentres pola porta de atrás fai tratos coas multinacionais; acelerando certo tipo de acordos que prexudicarían enormemente a nosa terra; por exemplo coa aceleración dos procesos de explotación mineira ou a corta masiva de árbores sen importar a afección do patrimonio” explica Marga L. Barreiro.

Todo isto conséguese mediante unha aceleración que elimina certos trámites de autorización administrativa. Segundo ADEGA, no sector da minaría, “toda Galiza será unha mina sen apenas regulación”.

A Marea de Vigo critica contundentemente este facer da Xunta de Feijóo, que co gallo de considerar certos proxectos como “proxectos industriais estratéxicos” dálle vía libre para beneficiar as grandes corporacións en materia de urbanismo, medio ambiente, patrimonio etc.

Para a Marea de Vigo, resulta moi grave que, en lugar de facer a presentación da iniciativa como goberno, o Partido Popular o teña feito exclusivamente a través do seu Grupo parlamentario, como se dunha iniciativa habitual se tratara, sabendo que para unha lei de este calado son necesarios unha serie de trámites previos como a exposición pública.

A Marea de Vigo non vai calar ante a chegada dos efectos do CETA, impulsados polo goberno do Partido Popular ao país, onde farán que primen os intereses dos fondos de investimento e a economía especulativa, deixando á súa vez de protexer o medio ambiente, a saúde e a propia terra. Sen dúbida, “unha lei feita á medida dos amigos de Feijóo”, remata Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.