marea de vigo sobre o prezo do billete de vitrasa

24 de Setembro de 2018

Marea de Vigo afirma que gran parte das amortizacións que VITRASA imputa no custo do billete non son prioritarias para o transporte público e condicionan o prezo máis alto de billete ordinario de Galicia

Rubén Pérez: “Unha xestión eficaz e un control rigoroso das inversións e amortizacións que VITRASA e o grupo Avanza imputan ao billete ordinario podería significar unha redución evidente do billete como acaba de anunciar hoxe o Concello de A Coruña”

Vigo, 24-9-2018. A cidade herculina acaba de facer efectiva unha rebaixa nos billetes de transporte público, un 8% no billete ordinario, quedando este en 1.20 euros e un 30% o billete social (0,23 euros fronte aos 0,69 de Vigo).

“En Vigo pola contra VITRASA sigue adquirindo vehículos, tendo unha vida útil por debaixo dos 6 anos, feito innecesario en materia de seguridade, e que e soamente se explica baixo a necesidade de condicionar o gasto ás amortizacións pendentes e polo tanto, á renovación da concesión que remata o ano que vén” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Estas actuacións de VITRASA levan anos condicionando o prezo do billete a amortizacións de instalacións, inversións en flota e custos do servizo sen que exista unha auditoría técnica real das necesidades do transporte en Vigo. “Por exemplo, para este 2018, considerou unha suba de 3 céntimos (finalmente aceptada polo Concello de 2 céntimos) para facer fronte aos custos do novo convenio colectivo e sobre os incrementos salariais por categoría, mais, segundo o que que vén de denunciar o comité de empresa, as condicións laborais se precarizan sen vergoña ningunha e o diñeiro público obtido non repercutiu en todos os aspectos laborais utilizados pola empresa como escusa”.

Marea de Vigo esixe empezar a falar xa do fin da concesión de VITRASA en 2019, sobre que alternativas de xestión pode abordar o Concello de Vigo sen excluír a xestión pública directa do transporte como fan grandes cidades do estado, pero especialmente sobre que tipo de investimentos ten feito a empresa e a súa incidencia sobre os custos do billete. “Dende renovar antes do ciclo normal vehículos con escusas pouco cribles como puntos de recarga de móbiles e supostas melloras en seguridade, ate o feito de que os miles de envíos de cartas da PASSVIGO estea a ser xestionada pola propia concesionaria” matiza Rubén Pérez. “O truco é moi vello – engade – condicionar a adquisición de instalacións, servizos complementarios, novas rutas, etc… ás amortizacións pendentes (agora máis de 18 millóns de euros) e polo tanto xogar con este capital pendente como presión á administración local para condicionar o prezo do billete, eliminar a posibilidade de artellar bonos sociais como na Coruña para desempregados e desempregadas e por suposto saír ‘con vantaxe’ no novo prego que, segundo declaracións da actual concelleira de transporte no Pleno, vai saír, ao non executar o Concello a opción de prórroga da concesionaria para o ano que ben”.

Marea de Vigo lembra que foi durante os mandatos do alcalde do PSOE, Abel Caballero, cando se incorporaron decisivas modificacións ao billete de transbordo e fíxose unha aposta importante por modificar o contrato, mesmo o concelleiro Xulio Calviño sinalaba naquela altura que ao Concello “non lle tremería o pulso se tiña que modificar o concurso” para o que mesmo se programou un informe para avaliar as modificacións do contrato e as implicacións futuras na ampliación do mesmo, beneficiando sempre á actual empresa concesionaria, VITRASA.

Marea de Vigo tamén quere lembrar que están sen facer as auditorías anuais que esixe obrigatoriamente o prego (artigo 62), e precisamente son estas as que, en concellos como o de A Coruña, xeraron a rebaixa do billete anunciada no día de onte. “A intensa fiscalización na que se comprobou que o beneficio para a empresa concesionaria era excesivo incluso baixo á a normativa europea fixo posible esta rebaixa, sería bo fiscalizar a VITRASA para tamén poder saber en Vigo se a empresa está lucrándose inxustamente cos cartos da veciñanza viguesa, directa e indirectamente” conclúe Rubén Pérez.