marea de vigo sobre as políticas de normalización lingüística do concello

23 de Maio de 2017

Marea de Vigo, despois da xuntanza da Comisión Cidadá de Normalización Lingüística, afirma que a propia comisión está preocupada pola situación do galego na cidade tal e como queda exposto nas xuntanzas.

Pola contra, o goberno municipal segue a cortar os orzamentos que se lle asignan a este servizo ano tras ano, pasando dos 250.000€ do ano 2011 aos 217.000 no ano 2013, no ano 2014 recortáronse outros 9.000€ e entre os anos 2015 e 2017 o recorte para este Servizo de Normalización Lingüística suma 56.000€ máis.

O día 18 de maio, na xuntanza da comisión cidadá de Normalización Lingüística tomáronse tres acordos polos que se van remitir escritos a diferentes entes e institucións. En primeiro lugar, enviarase aos medios de comunicación unha carta solicitando que as entrevistas, notas de prensa e comunicacións que chegan aos medios en lingua galega sexan reproducidos no mesmo idioma, respectando a lingua na que cada persoa ou colectivo queira expresarse.
Outro dos acordos é o envío á Consellería de Educación e a Política lingüística dun escrito solicitando un estudo sobre a situación do ensino con respecto á lingua Galega nos colexios e institutos. E por último, dirixirase á Deputación de Pontevedra outro escrito para solicitar que o Servizo de Normalización Lingüística de Vigo poida ser receptor de subvencións efectuadas por esta institución co fin de promocionar a nosa lingua nai.

Desde a Marea de Vigo denúnciase a falta de sensibilidade e de compromiso que este goberno mostra co noso idioma, non cumprindo a ordenanza de Normalización Lingüística aprobada polo pleno no seu día, así como mudando o regulamento do pleno en prexuízo da lingua propia.

É significativo que as actividades promovidas por este servizo sexan de moi boa acollida pola cidadanía e aínda así desde o goberno non se faga nada para aumentar a súa promoción fornecendo de máis persoal e de máis recursos á concellería en cuestión.

Marga L. Barreiro, explica tamén que “atopámonos con cifras graves; case o 23% das nosas crianzas non saben falar no noso idioma, algo que se entende co “decretazo” do plurilingüismo, onde o uso do castelán nas aulas acada practicamente o 76% das materias. Ademais, vimos observando a diminución de recursos pedagóxicos en galego (que actualmente se atopan nun 30%) en beneficio do inglés (88%).”

Segundo Mauro Fernández, catedrático de Lingüística Xeral da UDC; hai un 65% de crianzas que, sendo galegofalantes, non están a recibir a súa educación en galego, mentres que os castelanfalantes si reciben a mesma educación en castelán nun 96,5% dos casos. Dende a Marea de Vigo cuestiónase polo tanto sobre que “imposición” se está a falar.

Saíndo da escola, os nenos e nenas non teñen a sorte de desfrutar do galego na súa contorna; nin recursos audiovisuais, nin libros, nin lecer na lingua de Galiza.

“Non só precisamos, senón que é por responsabilidade esixir vivirmos na nosa lingua con liberdade, sen diglosia e discriminación, e para isto fai falta a forza e o pulso da administración; dotando de recursos e ferramentas á cidadanía que elixe falar na lingua de Galiza” remata Marga L. Barreiro.