marea de vigo sobre as responsabilidades en materia de extinción e as declaracións cruzadas entre o goberno autonómico e local

18 de Outubro de 2017

Marea de Vigo define como irresponsables e inútiles as declaracións que se están a facer estes días tanto por parte do Goberno Local como do Goberno da Xunta.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é esencial dirimir as responsabilidades políticas sobre o acontecido, mais o fundamental é poñer as ferramentas para poder evitar ao máximo este tipo de catástrofes.

Marea de Vigo considera que debe cesar inmediatamente a demagoxia dos gobernos autonómico (PP) e municipal (PSOE) sobre o acontecido cos lumes, xa que ambos organismos teñen responsabilidades institucionais e políticas en materia de extinción de incendios.

“É evidente que a Xunta é a primeira responsable das competencias en materia de extinción de incendios nos montes que rodean a cidade, do mesmo xeito que en materia de prevención forestal – expón Xosé Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo – mais, a responsabilidade no casco urbano recae sobre a institución municipal, polo que máis aló das comparecencias no Pleno que se están a solicitar, e que sabemos se poden converter nun partido de tenis entre os grupos políticos, consideramos imprescindible a creación dunha comisión de traballo onde poidamos ver exactamente como están os operativos de bombeiros na cidade. Consideramos que os servizos resultan claramente escasos, como o demostran as miles de horas de reforzo que se están facendo, sendo viable a posibilidade de ampliar o cadro de persoal en aras da mellora dos servizos de bombeiros e extinción de incendios de Vigo”.

A comisión de traballo que propón a Marea de Vigo, debe ser creada de xeito construtivo e efectivo, onde se escoiten ás persoas representantes dos diferentes colectivos de bombeiros así como ás xefaturas dos servizos, para que todas as partes, dun modo colectivo, saiban con certeza a cobertura que ten Vigo en canto a extinción forestal e urbana, e a que debería ter, así como as ferramentas para levalo a cabo.

“Dentro destas ferramentas está o asegurar a dotación de medios necesaria para o óptimo desenvolvemento dun servizo público, que a todas luces demostra que é escaso. Por outra banda, resulta fundamental e necesario que estes servizos sexan de verdade públicos, e debe estudarse naquelas institucións como a Deputación ou a Xunta a reversión dos mesmos.” explica Jácome.

En canto a outro tipo de responsabilidades municipais, hai multitude de medidas que se poden levar a cabo e que ademais, xa existen. Cuestións relacionadas coa limpeza dos terreos (o Concello de Vigo emitiu un edicto no ano 2008 no que se multa con ata 3000 euros a aquelas persoas que o incumpran coa limpeza dos terreos), controis sobre prácticas como as queimas presuntamente controladas de maleza, control dos retiros das árbores nos terreos, ou mesmo campañas que aposten por unha sustentabilidade nos montes de man común, tanto en canto as plantacións como a xestión do mantemento do propio monte. “Non podemos esquecer que preto do 60% do monte galego é comunal” remata Xosé Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo.

Alén disto, tal e como xa ten expresado, para a Marea de Vigo é perentorio impedir cuestións como as recualificacións dos terreos queimados ou vías de enriquecemento empresarial a través de consecuencias dos lumes, e, desde o eido municipal, a Marea de Vigo vai facer todo o posible para evitar que se produzan situacións deste tipo.