marea de vigo solicita ao concello que ceda á federación veciñal o antigo edificio citic.

25 de Febreiro de 2021

Marea de Vigo solicita ao Concello que ceda á Federación Veciñal o antigo edificio CITIC.

O edificio, antiguamente usado pola UNED no Casco Vello, foi descartado como ubicación temporal para a escola infantil Santa Marta e permanece pechado.

Para Marea de Vigo, o lugar “supón unha ubicación perfecta para a actividade da Federación Veciñal, tendo esta espazos de uso común así como oficinas. A ubicación sería tamén a adecuada por estar no preto do Concello, Deputación e de outras entidades coas que interlocuciona” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Vigo, 25-02-2021. Marea de Vigo lembra que ese edificio, propiedade eclesiástica, está cedido ao Concello dende hai anos a cambio de non pagar IBI, “polo que actualmente o Concello pode dispoñer do mesmo para darlle un uso social análogo aos usos permitidos como sede temporal da FAVEC, que na actualidade ten un convenio de uso do edificio de Praza da Princesa nº7 pero que por obras o Concello quere desaloxar, entendemos que temporalmente pero sen que o Concello aclare coa entidade veciñal a duración” engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera que “eximir do pago de case 14.000 euros ao ano á Igrexa polo criterio de non consideralo edificio de culto, ter en contraprestación a cesión do uso do inmoble”, polo que telo cerrado dende hai anos “é unha xestión nefasta do patrimonio municipal e dos dereitos sobre espazos públicos” matiza o voceiro.

Este edificio, situado na rúa San Vicente, fora cedido en base a este acordo para a instalación do Centro Municipal de Formación en Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Citic), despois foi proposto para instalar alí a aula da Universidade Nacional a Distancia (UNED) e actualmente, tras ser descartado como ubicación temporal para a Escola Infantil Santa Marta mentras duran as obras do Barrio do Cura “non ten un uso normalizado”.

Marea de Vigo esixe ademais que se informe claramente á Federación Veciñal, sobre que se propón como alternativa ao peche temporal do uso do edificio da rúa Princesa, sobre o que o movemento veciñal ten asinado un convenio e no que atenden a centos de veciños e veciñas cada mes con consultas e xestións tan importantes como asesoría ante desafiuzamentos, deficiencias nas parroquias, axudas sociais, etc.