marea de vigo solicita implicación real desde o concello para garantir que os montes vigueses estean limpos antes da chegada do verán.

4 de Abril de 2022

Marea de Vigo solicita implicación real desde o Concello para garantir que os montes vigueses estean limpos antes da chegada do verán.

Oriana Méndez: “Hai recursos suficientes, puidendo utilizar os remanentes e o superávit, incluíndo a posibilidade de usar fondos europeos, para levar a cabo unha politica forestal e de prevención de lumes seria para os montes que están dentro do termo municipal de Vigo”.

Vigo, 04-04-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo considera que nun momento no que, tras os lumes do ano 2017, volveron rexurdir especies invasoras coma o eucalipto e a acacia negra, e non se levou a cabo ningún plan integral para o mantemento dos montes dende a administración pública, “nin tan sequera se iniciou trámite algún para o devandito proxecto de faixa ou anel verde – afirma Oriana Méndez -, é preciso que o Goberno local leve a cabo o que sexa necesario para manter limpos e en condicións os nosos montes, axudando ás Comunidades de Montes e de xeito subsidiario facéndose cargo das fincas que non forman parte destas mais están no noso municipio”.

Marea de Vigo ten constatado que hai moitas e moitos particulares que non teñen a capacidade económica para afrontar a limpeza de fincas “fincas que nin poden ser vendidas nin utilizadas” matiza a concelleira. Ante esta falla de limpeza, “o Concello pode facerse cargo de xeito subsidiario establecendo un baremo polo nivel de renda tanto para bonificar como para poder ofrecer unha axuda previa” engade.

Marea de Vigo critica que o Goberno local de Abel Caballero anunciara “a bombo e prato” o anel ou faixa verde para contribuír na prevención de lumes, “mais tanto o proxecto final coma o fondo que o substancia, anos mais tarde, quedaron en papel mollado” conclúe Oriana Méndez.

foto: El Confidencial.