marea de vigo solicita a inclusión das persoas que perciben o imv na obtención da pass vigo social.

11 de Decembro de 2020

Marea de Vigo solicita a inclusión das persoas que perciben o IMV na obtención da Pass Vigo social.

O Grupo municipal vén de rexistrar unha petición para a modificación da ordenanza que rexe a tramitación das tarxetas de transporte.

Oriana Méndez: “Máis dun millón de euros de recursos sociais e varias bonificacións poden quedar sen uso se o Goberno local non modifica os criterios de interpretación da percepción do ingreso mínimo vital para facelo compatible con outras axudas sociais”.

Vigo, 11-12-2020. Marea de Vigo considera que aos máis de 800.000 euros das AEFAS que desaparecen no orzamento do 2021 por entender que “son recursos incompatibles coa percepción do ingreso mínimo vital”, súmanse varias bonificacións fiscais, entre elas a PASSVIGO SOCIAL, cuxas normativas aínda non inclúen o concepto de PERSOA RECEPTORA DO INGRESO MÍNIMO VITAL ao mesmo nivel que a RISGA para activar as bonificacións.

Marea de Vigo xa alertara na súa emenda á totalidade ao orzamento de 2021, que “nun ano que xa sabemos vai ter un escenario económico difícil, o Goberno local decidiu erradicar a cifra nada desprezable de 800.000 euros” dun montante total de 2.472.000 euros que no orzamento do ano 2020 sumaban as dúas partidas de axudas de alimentos, alugueiros e pobreza, pasando aos 1.651.150 para o 2021 por incompatibilidade coa percepción do IMV, “incompatibilidade argumentada erróneamente xa que a RISGA, o ingreso social autonómico análogo, é perfectamente compatible e necesario” aclara Oriana Méndez.

Do mesmo xeito, tal e como trasladaron colectivos sociais e veciñais da cidade como a ODS de Coia e a FAVEC, o cobro do IMV non aparece como unha das causas para ter bonificacións sociais na PASSVIGO, “un feito que pode ser corrixido simplemente realizando unha modificación da ordenanza” apunta a concelleira. Esta situación pode darse en numerosas bonificacións de ordenanzas e prezos públicos, polo que “hoxe Marea de Vigo solicitou a revisión de urxencia de todas as normativas municipais para incluir o IMV análogo as situacións de persoas que cobran a RISGA para que todas as axudas municipais sexan compatibles co IMV, como xa o é, por fin e grazas á loita social, o RISGA.” conclúe Oriana Méndez.