marea de vigo -son en común alerta da necesidade dun compromiso real coa defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres.

7 de Agosto de 2019

Oriana Mendez: “Cómpre un Protocolo concreto que se active nos meses de verán, dirixido especialmente a audiencias xoves co obxectivo de que as festas na rúa sexan realmente un espazo de diversión e liberdade no que as mulleres non sintan medo”.

Vigo, 7-8-2019. Dende o ano 2014, Vigo carece dun Plan Integral de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. “Por tanto – afirma Oriana Mendez –  carece do instrumento de acción política que ordena e planifica as actividades e os programas que se desenvolverán dende o Concello co obxectivo de eliminar situacións de desigualdade e discriminación, así como de promover as condicións para facer real e efectiva a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”.

“Ao non ter renovado a redacción deste Plan – prosigue a concelleira da Marea de Vigo –  o Concello de Vigo carece da folla de ruta que marca as pautas de traballo en materia de igualdade, deixando que o desenvolvemento de programas sobre educación, conciliación ou mesmo a imprescindible prevención de violencia de xénero se realice de xeito improvisado e arbitrario, sen planificación”. Unha improvisación, e desleixo na acción institucional, segundo a Marea de Vigo,  que se ve reflectida en aspectos que afectan, directamente, á vida de todas as viguesas.

Pero non é a única mostra de neglixencia neste ámbito. Se atendemos ao orzamento consignado no presente 2019 á partidaCampañas contra a violencia de xénero, observaremos a moi modesta cantidade, para un Concello coma Vigo, de 13.000 euros. Non obstante, o dato máis grave atópase cando atendemos ao orzamento desa partida executado durante todo o primeiro semestre do ano: 550 euros. “Sería unha broma se non se tratase de actuacións que afectan de xeito directo na sociedade que queremos construír” matiza Oriana Méndez.

No mesmo sentido, a Marea de Vigo quere sinalar dúas ferramentas fundamentais das que carece o Concello de Vigo e que se fan máis evidentes nestes días, en plena celebración doMarisquiño e das festas do verán: un “Protocolo de actuación contra as violencias machistas en festas”  e un “Protocolo contra os acosos e as agresións sexuais en espazos de ocio nocturno privado”, como si posúen as grandes e as medianas cidades doEstado.

Neste verán, Vigo segue batendo récords de visitantes e, só durante a celebración do Marisquiño, prevese que se acade unha afluencia de 160.000 visitantes. “Saudamos positivamente o feito de que a Deputación de Pontevedra coloque un posto no recinto do festival de cultura urbana co obxectivo de promover actitudes de respecto e convivencia no Marisquiño, pero non deixa de ser insuficiente. Coas actuais cifras de visitantes e coas informacións que temos sobre acosos e agresións sexuais durante a celebración das festas de verán, é fundamental que unha cidade do tamaño e da relevancia de Vigo dispoña dun Protocolo concreto de actuación con obxectivos como: previr e sensibilizar contra a violencia de xénero, mellorar a seguridade para as mulleres nos entornos festivos, informar ao conxunto da cidadanía sobre os recursos dispoñibles de orientación, atención e denuncia de agresións machistas nas festas e sensibilizar sobre a importancia da resposta cidadá contra este tipo de agresións” detalla a concelleira. “Polo tanto – prosigue – como xa fixemos no verán de 2018, reivindicamos a necesidade de superar a improvisación e o desleixo para pasar á planificación e á implicación real deste Concello no combate contra a discriminación e a violencia de xénero”.

Desde a Marea de Vigo afírmase que “cómpre un Protocolo concreto que se active nos meses de verán, dirixido especialmente a audiencias xoves co obxectivo de que as festas na rúa sexan realmente un espazo de diversión e liberdade no que as mulleres non sintan medo”.

Por outra banda, os locais de ocio nocturno, discotecas, salas de concertos ou bares, son espazos de encontro que adoitan converterse en escenario de comportamentos que impiden que todas as persoas poidan disfrutalos por igual. A violencia sexual ou a ameaza de sufrila é unha forma de limitación do acceso aos espazos públicos en clave de igualdade para as mulleres. “Por iso – matiza Oriana Méndez – , cómpre tamén Protocolo concreto que reserve ás persoas responsables e traballadoras dos locais de ocio nocturno un papel relevante á hora de detectar situacións potencialmente perigosas e en atender ás vítimas, cando se produciu unha agresión, para garantir que estes espazos teñan un rol activo contra a violencia machista, do mesmo xeito que o teñen outros actores sociais, culturais e políticos da cidade” . Para cumprir con ese obxectivo, cómpre que a Concellería de Igualdade deseñe un Protocolo contra as agresións sexuais en espazos de ocio nocturno privado a partir dunha valoración da súa viabilidade e en colaboración con diversos espazos e asociacións de ocio nocturno da cidade para garantir a súa implicación e a posterior execución. Vigo precisa un compromiso real coa defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres. Por un Vigo libre de violencias machistas. Porque non é non, cando sexa e como sexa.