marea de vigo-son en común discrepa da cesión á deputación do edificio da rúa eduardo chao

23 de Setembro de 2019

MAREA DE VIGO-SON EN COMÚN PIDE QUE O PROXECTADO MUSEO DA FOTOGRAFÍA ABRA TANTO COMO ESPAZO PARA O ARQUIVO HISTÓRICO MUNICIPAL COMO PARA A IDEA ORIXINAL DE MUSEO DA FOTOGRAFÍA, EVITANDO ASÍ LIQUIDAR MÁIS PATRIMONIO PÚBLICO.

Oriana Méndez, concelleira de Marea de Vigo-Son En Común, afirma que “regalar máis patrimonio a outras administracións que evidentemente non o precisan é un erro e o edificio da Rúa Chao debería formar parte da rede museística de Vigo que, logo da elección do novo director do M.A.R.C.O., está en elaboración. Sería un cambio significativo para evitar a desertización cultural da cidade”.

Vigo 23-9-2019. Despois de moitos anos pechado e sen visos de artellarse un uso como contedor museístico, Marea de Vigo- Son En Común non desbota o uso proxectado orixinal como museo da fotografía de Vigo, pero considera tamén que, ligado a esta idea, pode albergar de xeito “digno” a parte máis histórica do arquivo municipal que hoxe está en constante deterioro xunto a un aparcadoiro na planta -2 do edificio do Concello, onde miles de documentos se atopan en risco de desaparecer ao non existir iniciativas públicas máis aló da boa vontade e o traballo do persoal público adscrito ao servizo.

Documentos dos antigos concellos de Bouzas e Lavadores, actas de plenos dende o século XVIII, mesmo planos de altísimo valor como os orixinais feitos polo arquitecto Antonio Palacios para o seu plan de rexeneración urbanística de Vigo, conviven coa borralla dos motores dos vehículos e o deterioro por humidade.“O traslado ao edificio da rúa Eduardo Chao redundaría en habilitar un espazo museístico para as auténticas xoias documentais que existen agora amontoadas nos sotos do Concello e mesmo iniciar un proceso ambicioso de dixitalización” matiza a concelleira.

Para Marea de Vigo, un edificio municipal en situación de abandono como é o actual da rúa Chao, froito desa cultura “delirante” que viviu a cidade cando se crearon multitude de contedores museísticos (neste caso a inversión foi de máis de un millón de euros) sen garantir fondos nin recursos técnicos e culturais, sería un espazo axeitado para levar tanto ao persoal actual, como ao conxunto da documentación máis antiga e de maior valor histórico.

Oriana Méndez non entende como tanto Zona Franca, coa pretensión de adquirir o antigo reitorado, como neste caso Deputación de Pontevedra, “están máis pendentes de dotarse de despachos no centro da cidade que de dinamizar a economía viguesa que languidece día a día con datos preocupantes en canto a emprego, industria ou niveis de pobreza. No caso da Deputación, trátase dun auténtico infantilismo, dado que xa ten unha sede no areal”.

Vigo ten que ter un espazo digno para os importantes fondos fotográficos que dispón, non soamente un espazo onde se conserven senón un espazo de interpretación e onde poder facer exposicións temáticas e mesmo encontros internacionais de fotografía, disciplina da que Vigo foi referencia nos 80 e 90. Do mesmo xeito un espazo compartido cos fondos históricos do arquivo municipal, moitos tamén fotográficos e perfectamente musealizables.

Ademais o traslado de parte do arquivo permitiría o traslado do persoal municipal que o atende, en condicións de traballo máis dignas e sen o problema de xeración de prazas de emprego público que hoxe resulta difícil e que foi un dos motivos da non apertura do proxectado museo de fotografía.

Esta localización permitiría dotar dun espazo adecuado para a consulta de investigadoras e público en xeral, de elementos de conservación do fondo documental normalizados, ou espazos de consulta apropiados. “Isto e a necesaria adaptación ás novas tecnoloxías (dixitalización documental e creación de páxina web) resultarían unha fonte de coñecemento sobre a historia de Vigo para á veciñanza, xunto as vantaxes que, a efectos prácticos teñen para o traballo cotiá do persoal do arquivo municipal, permitindo mesmo desligalo das tarefas relacionadas coa documentación da Xerencia de Urbanismo” conclúe a concelleira.