marea de vigo-son en común esixe que se cumpra a lexislación de ocupacións lucrativas da vía pública e dos elementos de mobiliario urbano.

2 de Setembro de 2019

Marea de Vigo-Son En Común considera que en Vigo existe unha deixadez absoluta do Concello en vixiar e cando menos facer cumprir as ordenanzas municipais que aplican aos usos particulares na vía pública. Desta volta unha empresa de alugueiro de patinetes eléctricos está a empregar os espazos públicos de aparcadoiros para bicicletas sen licenza nin permiso para facelo.

Vigo, 02-09-2019. Marea de Vigo considera que calquera persoa que queira colocar un andamio, ter un vado ou cortar a vía pública ante unha obra ou mudanza ten que pagar taxas, polo que non se entende que iniciativas privadas empreguen báculos de farolas con anuncios, ocupen de xeito irregular vías públicas con mesas e cadeiras e, agora, empreguen mobiliario viario adicado gratuitamente a bicicletas para servizo de recollida e aparcadoiro de patinetes eléctricos da empresa privada Buny, que opera xa en Vigo con total impunidade e deixadez do Goberno local.

Ademais, Marea de Vigo-Son EN Común segue a denunciar que se permita con total impunidade os incumprimentos da ordenanza que regula a ocupación de vía pública con terrazas hosteleiras xa que en Vigo non están permitidas as terrazas permamentes (a ordenanza obriga a recoller todas as noites os elementos, retiralos da vía pública e mesmo limpar o espazo que ocuparon) e non se cumpren os espazos de tránsito de viandantes en centos de terrazas. Unha nova ordenanza que regulara o uso de terrazas permanentes a cambio dunha taxa pola cesión temporal de espazo público e dar saída final a ordenanza de mobilidade sostible serían unha boa solución para evitar esta situación de alegalidade permanente.

Mentras non se regula claramente pola DGT o uso de patinetes eléctricos e as tipoloxías dos mesmos, para Marea de Vigo queda claro que non deberían circular polas beirareúas, e de facelo ten que ser a “paso de peón”. Do mesmo xeito a actividade de alugueiro e estacionamento dos mesmos nos elementos do mobiliario público é unha actividade ilegal e polo tanto o Concello debe retirar inmendiatamente estes elementos que xa están presentes en case todos os espazos públicos reservados para bicicletas.

Marea de Vigo-Son EN Común segue a demandar a finalización da tramitación da Ordenanza de Mobilidade Sostible, paralizada dende 2017, e á que os grupos municipais fixeron emendas e propostas sen ter novas nunca máis. Esta ordenanza podería resolver aspectos importantes como establecer un marco de normas orientadas cara aos traslados sostibles, e dicir, tanto a figura das bicicletas e patinetes eléctricos na cidade como a figura do peon dentro do concepto de mobilidade sostible, tal e como se está introducindo dentro dos PMUS (Plan de Mobilidade Urbana sostible) en moitos concellos do estado.