marea de vigo-son en común leva unha moción ao pleno de mañá mércores instando a regular e securizar a mobilidade sostible en vigo.

24 de Setembro de 2019

MAREA DE VIGO-SON EN COMÚN LEVA UNHA MOCIÓN AO PLENO DE MAÑÁ MÉRCORES INSTANDO A REGULAR E SECURIZAR A MOBILIDADE SOSTIBLE EN VIGO.

Marea de Vigo-Son En Común quere que se retome a proposta de ordenanza de mobilidade sostible que quedou aparcada en 2017 durante a súa tramitación; unha regulación preventiva dos patinetes eléctricos coas cuestións que xa pode abordar o Concello sen esperar á DGT e ao cumprimento do prego da XER que obriga a instalación de báculos de carga para vehículos eléctricos.

Vigo 24-9-2019. Na moción que levará ao Pleno Marea de Vigo-Son En Común, abórdase a necesidade urxente de adaptar a cidade “ós novos xeitos de mobilidade que cada día son unha realidade máis complexa e con formulacións que requiren tanto de infraestruturas coma de organización diferentes”.

Para Marea de Vigo-Son En Común, “Vigo chega tarde aos novos xeitos de mobilidade porque non se quixeron tomar en serio nin os propios acordos municipais expresados no Plan de Mobilidade Sostible, que non deixaba de ser un documento de intencións sen dotacións económicas parellas, pero albiscaba un horizonte de implantación de políticas centradas na mobilidade sostible”. Curiosamente, soamente en 2017 se pretendeu artellar unha ordenanza de mobilidade sostible circunscrita especialmente ao vehículo eléctrico. “A esta proposta de ordenanza os grupos municipais fixemos aportacións e dende entón non tivemos máis noticias e a ordenanza quedou esquecida nun caixón” matizou Rubén Pérez.

Marea de Vigo-Son En Común pon coma exemplo disto o novo carril bici entre Avenida de Castelao e Camelias, que posteriormente será ampliado cara Teis e Samil. “O proxecto tería que comportar un estudo de seguridade e mobilidade completo xa que estamos a falar dun carril que comparte firme coa vía rodada e no que interactúa transporte público coma o colectivo e o servizo de taxi”.

O Grupo municipal xa dixera en 2017 que consideraba acertada a concreción dunha ordenanza sobre mobilidade sostible, pero que entendía que esta “tiña que artellarse dentro das liñas estratéxicas do PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE (PMUS) aprobado polo Concello de Vigo o 27 de xuño de 2014 onde se recollía coma un dos obxectivos a mellora das condicións de mobilidade peonil e ciclista”. A decisión de que o carril bici trascorra por esta vías realmente non está acorde cos obxectivos marcados no PMUS e nas propostas iniciais de carrís bici que priorizaban outras vías precisamente polas dificultades de tráfico e deseño urbano que comportan tanto as rúa Pizarro como a rúa Camelias. Agora, do que se trata é de conquerir unha ordenanza reguladora completa e que evite os baleiros normativos existentes na actualidade.