marea de vigo pedirá unha auditoría de todos os recursos públicos deitados en povisa nestes anos

30 de Setembro de 2019

MAREA DE VIGO CREE QUE FINALMENTE OS MOVEMENTOS DA FAMILIA SILVEIRA DENDE A ENTRADA EN PRECONCURSO DE ACREDORES, ATE A SOLICITUDE DE MÁIS RECURSOS PARA O CONCERTO CO SERGAS, ERAN TODOS ORIENTADOS Á VENDA DO HOSPITAL E XA TRASLADOU Á VOCEIRA DE SANIDADE DO GRUPO COMÚN DA ESQUERDA, EVA SOLLA A PETICIÓN DE AUDITORIA NO PARLAMENTO GALEGO

Vigo, 30-9-2019. Para Marea de Vigo o anuncio compra de Povisa polo grupo Ribera salud era un feito anunciado, xa que todos os movementos do grupo Nosa Terra 21 eran sospeitosamente tendentes a desfacerse do complexo hospitalario; dende o anuncio do preconcurso voluntario de acredores co argumento de que se arrastraban perdas dende 2014 polo insuficiente dos ingresos polo concerto co SERGAS ate a tentativa de aforrar permanentemente custes de personal para mellorar resultados contables ante un posible comprador.

Marea de Vigo trasladou hoxe á deputada Eva Solla, voceira de sanidade do Grupo Parlamentario Común da Esquerda , a necesidade de solicitar no parlamento galego unha auditoría a fondo do concerto do Sergas con Povisa; concerto que é absolutamente singular no estado español e que dende hai moitos anos é un instrumento totalmente vantaxoso para o centro hospitalario privado ao condicionar, entre outras cousas, o non desenvolver un centro hospitalario no Morrazo ou a apertura das plantas ociosas no Meixoeiro”

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo. “De novo o grupo da familia Silveira – engade- move ficha sen clarificar e blindar o futuro de máis de 1500 persoas empregadas e das máis de 130.000 cartillas sanitarias que cubre. Marea de Vigo pide tamén unha auditoría de todas as empresas do grupo Silveira, e segue a denunciar que un hospital que forma parte da rede hospitalaria do SERGAS non pode ser moeda de cambio nas aventuras empresariais e no engorde de sociedades pensadas para a evasión fiscal como son as SICAV’S, que a familia Silveira posúe. O servizo sanitario dunha area tan importante como a de Vigo non pode estar a expensas dos intereses económicos dun grupo empresarial.