marea de vigo-son en común volve votar en contra do instrumento de ordenación provisional

19 de Xullo de 2019

Marea de Vigo-Son En Común volve a votar en contra do instrumento de Ordenación Provisional e culpa a Xunta e Concello de pactar improvisacións no urbanismo vigués.

Rubén Pérez trasladou na xerencia de urbanismo que o seu grupo segue a considerar que que se está a aprobar un instrumento de “improvisación e arbitrariedade”, feito que entre outros exemplos, patentiza que o ámbito Cruceiro de Alcabre, que é solo urbano non consolidado, acabe legalizado por medio de este instrumento unha vez aprobado.

Vigo, 19-07-2018. Marea de Vigo-Son En Común votou en contra da aprobación definitiva do instrumento de Ordenación Urbanística Provisional na xerencia de urbanismo urxente de hoxe venres que, xunto co Pleno que se celebrará antes de fin de mes, legalizará definitivamente o instrumento urbanístico que permite aprobar o solo urbano consolidado sinalado no PXOM do 2008 anulado.

Rubén Pérez sinalou que “ademais das irregularidades no proceso de notificación e no discutible formato agrupado de contestacións das alegacións presentadas”, a Ordenación Urbanística Provisional constitúe “un memorial de provisionalidades urbanísticas que non axudan a que teñamos un planeamento acorde a este tempo da post-crise do ladrillo, e tampouco axudan a implicar urbanísticamente á cidade”.

Por outra banda, Marea de Vigo- Son En Común pon o foco na Xunta de Galicia, e alerta da responsabilidade da institución con respecto á Ordenación Provisional, xa que esta, segundo Marea de Vigo-Son En Común, “debería asumir a súa función ‘normativizadora’ para evitar situacións absolutamente inconsistentes en termos legais e urbanísticos”.

Marea de Vigo-Son En Común esixiu tamén saber cales son os traballos realizados de cara ao novo PXOM, xa que nun ano a partir da aprobación da Ordenación Provisional ten que estar o borrador do PXOM redactado e levado a Pleno, e polo de agora apenas coñecemos a existencia da memoria socioeconómica do mesmo.