marea de vigo-son en común volverá ás mesas de contratación pero esixirá maior transparencia nas clasificacións e adxudicacións así coma o acceso aos expedientes completos das ofertas das empresas.

9 de Xullo de 2019

Marea de Vigo-Son En Común volverá ás mesas de contratación pero esixirá maior transparencia nas clasificacións e adxudicacións así coma o acceso aos expedientes completos das ofertas das empresas.

Marea de Vigo segue a cualificar a contratación pública do concello de Vigo como “opaca” e considera que se ten que constituír con urxencia a comisión de Pleno de vixilancia da contratación pública como reforzo do traballo da mesa de contratación, “comisión reiteradamente solicitada na pasada lexislatura, segundo o Regulamento Orgánico do Pleno e xamais convocada” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Vigo, 9-07-2019. Para Marea de Vigo é fundamental que non desapareza do Regulamento do Pleno a obrigatoriedade da convocatoria da Comisión de Vixilancia da Contratación Pública, tal e como tratou de facer o Goberno de Abel Caballero na pasada lexislatura, proposta emendada pola Marea de Vigo. Mais, a pesar de seguir no propio Regulamento, esta “leva anos sen convocarse”, polo que, segundo o voceiro, “sería bo avanzar na creación dun organismo aberto que evite sustos como a anulación do contrato de parques e xardíns, ou o acontecido coa xestión de estacionamento regulado, entre outros contratos”.
O feito de levar varias lexislaturas coa negativa á constitución desta Comisión, e polo tanto, sen o control que esta faría da contratación pública, e mesmo coa tentativa do Goberno do PSOE para eliminala, é cualificado por Marea de Vigo-Son En Común coma un feito completamente irregular. Do mesmo xeito, coa negativa no seu día para crear a Comisión Especial de Investigación que solicitou a Marea de Vigo ante os casos xudiciais abertos sobre procesos administrativos do Concello, o Goberno local amosou a súa nula intención a dar transparencia e luz á contratación pública, motivo que daquela altura substanciou a saída da Marea de Vigo das mesas. “Hoxe volvemos – suliña Rubén Pérez – coa firme vontade de acadar unha emenda do Goberno local a este modelo opaco que leva anos construíndo. De seguir na mesma liña, teremos que repensar a nosa permanencia polo mesmo motivo que hai catro anos”.
Marea de Vigo- Son En Común afirma que “os criterios dos portais de transparencia deste concello son mínimos” así como “a necesidade de introducir mecanismos máis contundentes para fiscalizar a contratación pública municipal”. O grupo pon como exemplo iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos coa creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA, que vixía tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servizos públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que se formalizan nas concesionarias.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste Observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das concesionarias públicas e mesmo o tecido veciñal e asociacións de consumidoras/es e usuarias/os, un organismo plural e equilibrado de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo prácticamente inexistente na actualidade na nosa cidade, que o ten deixado ao arbitrio da concellería da área correspondente e que tantos problemas ten causado tanto aos cadros de persoal destas empresas como a veciñanza que finalmente é quen paga os servizos.