marea de vigo súmase á concentración de mañá venres contra o peche de camas.

13 de Xullo de 2017

Marea de Vigo súmase á denuncia da Comisión de Centro do HAC sobre o peche permanente das 180 camas no Meixoeiro, ás que se suman agora nos meses de verán 48 habitacións no Álvaro Cunqueiro e participará na concentración que terá lugar mañá venres 14 ás 13 no hac.

Marga L. Barreiro: “Baixo a premisa de que no verán hai menos demanda, o Sergas pecha 48 habitacións no Álvaro Cunqueiro durante 3 meses, que, sumadas ás 180 camas pechadas no Hospital Meixoeiro veñen supoñer a escusa perfecta para a inxección de millóns de euros na sanidade concertada”

A Marea de Vigo denuncia, unha vez máis, o desmantelamento velado da Sanidade Pública por parte do Goberno do Partido Popular cara ao beneficio da Sanidade Concertada, sendo un exemplo disto, o feito de que o departamento dirixido por Jesús Vázquez Almuíña elevara os pagos aos centros concertados case un 10%, alcanzando este ano a cifra de 203 millóns de euros.

Neste sentido, a Marea de Vigo súmase tamén á pregunta rexistrada pola Deputada de En Marea Eva Solla, onde, un ano máis, cuestiona a nefasta xestión que a Consellería de Sanidade ten acostumado a levar a cabo nos meses de verán co peche de camas.

Ademais das escusas como a baixada de demandas, como se nos meses de verán as persoas non enfermaran, “outra causa que está orixinando esta situación é a penosa política de persoal que leva a cabo o Sergas, neste caso non substituíndo ao persoal nos meses de verán, feito que incrementa a problemática das listas de espera, e polo tanto, aumenta a desviación de intervencións cara aos centros concertados.” explica Marga L. Barreiro.

É por isto, que mañá 14 de xullo ás 13:00 , a Marea de Vigo apoiará a concentración que terá lugar na porta de consultas do Hospital Álvaro Cunqueiro contra o peche de camas.