marea de vigo súmase á denuncia da pouca presenza de mulleres artistas na programación das festas de vigo.

24 de Xullo de 2018

Marea de Vigo súmase á denuncia da pouca presenza de mulleres artistas na programación das festas de Vigo.

Marga L. Barreiro: “Por segundo ano consecutivo, denunciamos a pouca perspectiva de xénero que se aplica á hora de programar as Festas de Vigo por parte do Goberno Local; pois practicamente non hai mulleres no programa do Concello, acontecendo algo similar coa procedencia, pois apenas participan grupos ou artistas de Galicia”.

Vigo, 24-07-2018. Marea de Vigo cualifica como “tónica xeral” as políticas que están sendo aplicadas polo goberno do alcalde do PSOE, Abel Caballero, con respecto á cultura na nosa cidade. Á toda marxe dos distintos gustos musicais da veciñanza, que deben ser respectados dende a pluralidade e a diversidade, existen uns feitos, cada vez máis evidentes, dunha “adecuación” de parte da vida cultural da cidade, a que é programada pola institución, ao arbítreo publicitario do goberno local. Só nun ano, asistimos a feitos como o desmantelamento do Museo MARCO como o espazo para o que foi concibido, a “desaparición” do ImaxinaSons tras 13 anos de consolidación como referente no espazo europeo, ou mesmo o acontecido con festivais como o Vigo Vocals, en risco de desaparecer pola falta de apoio desde a institución.

O grupo municipal da Marea de Vigo considera “totalmente impresentable” que o alcalde aluda á Escola Municipal de Danza e a E-Trad para “presumir” de gasto en cultura galega (250.000 euros para todo o curso, aínda que “nun día” o aprobasen), cando todas as accións levadas a cabo por este goberno municipal foron precisamente cara ao seu desmantelamento, triplicando os prezos da matrícula nos últimos dous anos.

En canto aos grupos locais, Marea de Vigo segue botando en falta a falla de promoción destes nas festas organizada desde o Concello, cando Vigo é unha cidade que sempre destacou por contar con centos deles, moitos xa recoñecidos internacionalmente. Quen si o fai, segundo a Marea de Vigo, é o tecido asociativo, cubrindo a meirande parte dos eventos nos que participa a veciñanza viguesa. “O concello de Vigo denota unha vez máis a indiferenza absoluta ante a nosa cultura e a nosa lingua; pois continuamos a ver artistas do país actuando por ducias de vilas galegas mentres que en Vigo, unha das cidades na que máis se está a perder o idioma galego non podemos desfrutar de música galega” matiza Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Con respecto á presenza de mulleres na programación do Concello, Marga L. Barreiro afirma que “Nos concertos de Castrelos atopámonos mulleres só en dúas actuacións, a teclista de Dorian, e a de Operación Triunfo, onde, en ambas actuacións, participan homes. Dende Marea de Vigo, queremos reivindicar o papel das mulleres artistas galegas, dobremente invisibilizadas: por ser mulleres e por crear na lingua de seu. Esiximos, por tanto, que este concello se sensibilice dunha vez coas mulleres no escenario, e que os concertos deixen de brillar pola ausencia de talento galego”.

Marga L. Barreiro quere lembrar tamén “a importancia da prevención e da información sobre agresións sexuais nas grandes conglomeracións que se dan na nosa cidade. Recordamos que non hai tanto, nas Festas de Bouzas, unha menor de 16 anos foi presuntamente forzada sexualmente por un rapaz de 18. Isto denota a necesidade de educación, prevención e información en materia de violencia machista e agresións sexuais. En definitiva, a asunción das políticas de igualdade de xeito normalizado e constante desde as institucións, forma parte das accións que están nas nosas mans cara a consecución dunha realidade máis igualitaria e, por tanto, onde a violencia machista non teña cabida”.