marea de vigo súmase á denuncia dos colectivos ecoloxistas ante a obra que se está levando a cabo no monte do castro.

8 de Outubro de 2020

Marea de Vigo súmase á denuncia dos colectivos ecoloxistas ante a obra que se está levando a cabo no monte do Castro.

Oriana Méndez: “Defendemos a posta en valor da muralla sen necesidade de devastar o arborado nin engadir maior contaminación lumínica na nosa cidade”.

Marea de Vigo solicita que se revise este proxecto e que cesen eses traballos que están a esnaquizar a flora de varias zonas do parque do Castro.

Vigo, a 8-10-2020. Ante os traballos que se están realizando no monte do Castro para para a creación dunhas gradas e alumear a antiga muralla, Marea de Vigo súmase á denuncia de colectivos ecoloxistas sobre o modo no que se están levando a cabo. “As árbores sufriron xa graves danos nas súas raices, e co apisonamento que se está facendo coas excavadoras, está resultando todavía máis nocivo para as devanditas árbores” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, á vez que fai responsable ao Goberno local, “que é quen da as ordes á concesionaria das obras que se están realizando no Castro de Vigo”.

Recentemente o Grupo municipal presentou un Plan para a conservación da biodiversidade de Vigo, no que se contempla unha protección especial para o monte de O Castro, incluíndo a protección do patrimonio. Esta protección implica que sexa un espazo libre de tránsito contaminante, “e dicir, que o tráfico interior sexa unicamente peonil e para bicicletas” matiza a concelleira. “Continuaremos a defender o contido neste Plan, así como a apoiar todas as denuncias e reivindicacións dos colectivos ecoloxistas na liña da defensa da conservación da biodiversidade na nosa cidade como camiño cara a un Vigo sostible”.

*Foto: Ecoloxistas en Acción.