a marea de vigo súmase á voz de denuncia xa erguida por sectores progresistas da sociedade civil fronte á colocación dunha escultura relixiosa xigantesca na guía.
Por Marea de Vigo

A Marea de Vigo súmase á voz de denuncia xa erguida por sectores progresistas da sociedade civil fronte á colocación dunha escultura relixiosa xigantesca na Guía.
O que temos en Vigo é un goberno local que insiste en branquexar a infame Cruz do Castro que hoxe por hoxe segue pesando enriba da memoria de miles de vigueses e viguesas, ao mesmo tempo que se opón expresamente a colocar unha placa explicativa do que foi o Museo MARCO. O que temos en Vigo é un goberno local que se nega a actuar coa altura democrática doutros Concellos e retirar a simboloxía de Juan Carlos I, imaxe da monarquía corrupta e da peor España, mentres pretende instalarnos nada menos ca un Sagrado Corazón de 5 metros e 7 toneladas no alto da Guía, en pleno 2020, nun Estado dito aconfesional. Ese é o goberno de Abel Caballero en Vigo.
Moitas veces, e máis neste país, a simboloxía relixiosa mestúrase con tradicións doutras naturezas dando lugar a celebracións populares eclécticas, integradoras e, sobre todo, libres. Pero iso non é o que representa un Sagrado Corazón agora construído e chantado na ermida da Guía, catalogada ademais como Ben de Interese Cultural, polo que esixe especial protección. O Sagrado Corazón é unha imaxe de culto político relixioso ligada ao principio doutrinal do Reinado Social de Cristo, extensamente empregada no franquismo e relacionada con asociacións de extrema dereita e grupos ultracatólicos. O magnífico arquitecto Gómez Román, que merece todo o noso respecto e recoñecemento, proxectou a súa obra en 1951. Mais hoxe, por fortuna e grazas ao traballo de xeracións de vigueses e viguesas progresistas, moitas veces crentes e igualmente defensores do valores do laicismo e do librepensamento, non estamos no Vigo de 1951. Sería, pois, a primeira vez en democracia que un símbolo de uso propagandístico da ditadura se ergue nunha cidade gobernada por un alcalde do PSOE.
En definitiva, esta actuación contravén o artigo 16 da Constitución española que declara que “ningunha relixión terá carácter estatal” e contravén o principio democrático de neutralidade relixiosa das institucións como única vía útil para a convivencia en liberdade e igualdade. Pero, ademais e moi especialmente no caso de Vigo, estamos ante unha mostra máis de desprezo pola memoria histórica desta cidade en todas as súas dimensións e de desprezo polo imaxinario cultural e industrial que vén forxando dende hai séculos a identidade de Vigo. Ao mesmo tempo, todo ese desprezo e ese desleixo é, como vemos, inversamente proporcional á megalomanía do alcalde.
Diante desta actuación, sumámonos á denuncia que veciñas e veciños teñen expresado xa nos medios de comunicación, así como tamén fixeron asociacións como a Asemblea Republicana de Vigo ou Europa Laica. Fronte á alianza deste goberno local que se di socialista coa dereita, seguiremos a defender un espazo público democrático que só pode construírse sobre as bases da igualdade, do republicanismo e do laicismo.
*Foto: Faro de Vigo.