marea de vigo traslada o seu apoio ao comité de empresa de bosch, cuxo persoal enfréntase a un novo ere extintivo de 148 traballadores e traballadoras e denuncia a “falla de vontade” da empresa para aportar solucións ao persoal.

30 de Xuño de 2022

Marea de Vigo traslada o seu apoio ao Comité de Empresa de BOSCH, cuxo persoal enfréntase a un novo ERE extintivo de 148 traballadores e traballadoras e denuncia a “falla de vontade” da empresa para aportar solucións ao persoal afectado.

Marea de Vigo insta á administración local a un pronunciamento e denuncia pública ante a falla de vontade negociadora da empresa e anima a cidadanía a apoiar ao persoal de BOSCH concentración convocada para o vindeiro luns 4 de xullo ás 11:30 nas instalacións da empresa na avenida de Madrid enmarcada na xornada de folga convocada para ese día en defensa do mantemento do emprego e contra os despedimentos.

Vigo, 30-07-2022. Na mañá de hoxe, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, mantivo unha xuntanza do Comité de empresa de BOSCH, compañía que conta actualmente con aproximadamente 1600 traballadores e traballadoras na nosa cidade, na que leva implantada máis de quince anos. Na reunión, o Comité trasladoulle á Marea de Vigo as distintas problemáticas que está vivindo o persoal da empresa, que, alén da coñecida paralización da negociación do convenio por parte da patronal, tras sucesivos EREs extintivos e ERTEs nos últimos anos, enfréntanse agora a un novo expediente de regulación de emprego no que previsiblemente van ser despedidas 148 persoas trala perda do contrato da devandita empresa coa compañía telefónica VODAFONE.

Marea de Vigo traslada todo o seu apoio e solidariedade ao persoal de BOSCH e considera que “as administracións públicas deben poñerse sempre ao carón das e dos traballadores, evitando na medida das súas posibilidades esta contínua destrución de emprego – sinalou Rubén Pérez – . Mais ademais cremos que debe haber un pronunciamento público desde o Concello en apoio ao cadro de persoal de BOSCH e en concreto a estas 148 persoas que poden ser despedidas nos vindeiros días, xunto a unha denuncia pública pola falla de vontade negociadora por parte da empresa”.

Marea de Vigo incidiu en que con independencia dos datos xerais de desemprego, “na nosa cidade estase vivindo unha perda de postos de traballo de xeito constante, xa non só no sector naval e na automoción, onde a situación é especialmente grave, senón que, tal e como acabamos de constatar, en empresas de servizos coma é BOSCH, a causa da incesante deslocalización das empresas así como pola procura do abaratamento dos custes de persoal” concluíu o voceiro municipal.