marea de vigo traslada o seu apoio á favec ante o intento velado de desmantelamento por parte do goberno de abel caballero.

14 de Maio de 2021

Marea de Vigo traslada o seu apoio á FAVEC ante o intento velado de desmantelamento por parte do Goberno de Abel Caballero.

Rubén Pérez: “O Goberno local segue na súa escalada de masacrar e exterminar calquera disidencia en canto á xente que entende a cidade dun xeito diferente ao modo do rexedor”.

Vigo, a 14-05-2021. Tras a xuntanza mantida hoxe coa directiva da Federación Veciñal, o Grupo municipal da Marea de Vigo expresa o seu total apoio á FAVEC polo desaloxo pretendido polo Goberno local. “Dunha maneira expeditiva – afirma Rubén Pérez – , a Concellería de Patrimonio emprazou á FAVEC a abandonar o seu local na Pza da Princesa no día de hoxe, local que utiliza a federación veciñal en base a un convenio co Concello polo que poden utilizar as instalacións ata, polo de agora, o ano 2025”.

Igualmente, Marea de Vigo denuncia a falta de alternativas razoables por parte do Concello. “É rotundamente falso – apunta o voceiro municipal – que o local que se lle ofreceu á Federación por parte do Concello sexa viable para desenvolver á actividade que se viña desenvolvendo ata o día de hoxe”. “Unha entidade que agrupa a ducias de asociacións de veciños e veciñas de Vigo non pode estar nun local de menos de 10 m2, e menos, garantindo as normas de seguridade COVID” recalca.

Para Rubén Pérez, “esta actitude arrogante e dictatorial do alcalde non axuda a que haxa unha normalidade democrática no concello de Vigo”, xa que “os políticos teñen que entender que o movemento veciñal ten o seu propio desenvolvemento, sendo crítico por sistema coas actuacións dos diferentes gobernos e non estando para aplaudir e organizar bailes de salón aos que vaia o alcalde a botar unhas piezas” suliña. “Estamos falando do movemento veciñal, que construiu esta cidade en moitos máis sentidos que calquera alcalde de turno” recalca.

Ante esta situación, a última solución que pon o Goberno de Abel Caballero, “botando máis gasolina ao incendio” segundo cualifica Rubén Pérez, foi solicitar á policía local que proceda ao desaloxo do local da FAVEC, “en lugar de facer cumprir o convenio asinado dotando á FAVEC dun local en condicións dignas” engade o voceiro.