marea de vigo urxe a que o concello regule o cumprimento da lei 2/2023 sobre denuncias anónimas en materia de infracións en empresas como as concesionarias da cidade

7 de Marzo de 2023

A nova lei, que entra en Vigor o vindeiro 13 de marzo, permitirá que de xeito anónimo traballadores e traballadoras ou persoas alertadoras de casos de corrupción, abuso laboral, discriminación ou acoso sexual poidan denunciar casos de corrupción en empresas e ante a administración.

07/03/2023

A nova lei, que aprobara en setembro de 2022 o Consello de Ministros e Ministras, e que entrará en vigor o vindeiro 13 de marzo, pretende ofrecer seguridade e anonimato a aquelas persoas que informen sobre casos de corrupción ou infraccións en materia laboral ou de facenda. Unha lei que aplica ao persoal que teña tanto consideración de empregado público, privado ou calquera formato de relación laboral coas mesmas. “Algo que solventaría o medo de moitas persoas a denunciar casos de clientelismo, corrupción ou malversación de recursos públicos en moitos dos contratos que as administracións públicas sosteñen con empresas privadas” sinala Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo.

Marea de Vigo valora a importancia que esta normativa ten para a función inspectora en materia laboral do Ministerio de Traballo e considera que xa era hora de traspoñer a Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión Europea (UE), como elemento garantista para que todas aquelas persoas que informen sobre corrupción ou fraudes e violacións do Dereito da Unión Europea e do ordenamento xurídico interno poidan evitar de calquera represalia contra elas.

Rubén Pérez considera que o escándalo do Sindicato de Traballadores da Limpeza e FCC na cidade da Coruña, onde presuntamente este sindicato corporativo recomendaba e mesmo vendía os accesos ao cadro de persoal da concesionaria, “teñen que poñer todas as alarmas onde existen concesións administrativas de empresas como esta ou existe dende hai anos sospeitas de prácticas similares.

“Avanzar na inclusión desta lei en todas as licitacións públicas actuais e futuras desta norma non debe ser ningún problema para Vigo” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “toda vez que o texto contou co informe consultivo previo e favorable da Federación Española de Municipios e Provincias que preside Abel Caballero

Con esta norma, calquera cidadán, e calquera funcionario público, poderá poñer en coñecemento as operacións, subvencións e adxudicacións sospeitosas, no ámbito da contratación ou do resto do ordenamento, e deberáselle de conferir unha protección real e efectiva ante calquera represalia ao informante e á súa contorna.

Especialmente importante para a Marea de Vigo e que esta norma permite formular as informacións realizadas de maneira anónima e que ao informante terá que respostárselle en non máis de 3 meses previa investigación interna dos feitos denunciados sen que poida obstaculizarse a mesma con omisións que limiten os dereitos e garantías introducidos nesta lei, especialmente as orientadas a obstaculizar, impedir, frustrar ou retardar as informacións.