marea de vigo urxe a aclarar as deficiencias de funcionamento e de mantemento da nova estación depuradora do lagares (edar).

7 de Marzo de 2019

Marea de Vigo urxe a aclarar as deficiencias de funcionamento e de mantemento da nova estación depuradora do Lagares (EDAR).

Marea esixe un sistema de control de gases nas vivendas e un protocolo de seguridade urxente e titularizado polo Servizo de Bombeiros de Vigo, ante a alerta do refluxo de gases polos sumidoiros ás casas adxacentes a EDAR de Coruxo, feito que se suma aos verquidos realizados á xunqueira do Lagares fai un ano.

Vigo, 07-03-2019. Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, lembra que “dende o mesmo remate das obras e a concesión da estación depuradora a Aqualia, a veciñanza viu alertando dunha serie de feitos moi graves relativos, por exemplo, ao funcionamento de transformadores eléctricos, incendios nas instalación, fortes cheiros de novo a través dos sumidoiros que conectan coas vivendas, verquidos na contorna da Xunqueira do Lagares e mesmo na praia e costa de Toralla”.

Esta EDAR, cualificada polo alcalde de Vigo na inauguración feita o ano pasado, como “a mellor do país” esixe un mantemento continuo e integral “que temos dúbidas que se estea realizándose – matiza Rubén Pérez – mesmo estes días, o cheiro de gases, e especialmente a posibilidade de que o sulfhídrico entre nas casas polos sumidoiros, está volvendo alarmar ás persoas que viven próximas á EDAR”.

Marea de Vigo xa trasladara no ano 2017 unha serie de preguntas ao Ministerio de Medioambiente para que se aclarara se se estaba a dar cumprimento dos protocolos de seguridade no emprazamento, non recibindo ningunha resposta que aclarase a situación. Mais, do mesmo xeito, afirma que “a responsabilidade destas deficiencias de funcionamento é municipal, e que o feito de que o Concello decidise concesionar a Aqualia a xestión da EDAR non exime ao Concello o velar pola seguridade da veciñanza que lamentablemente quedou pegada á estación tras a nova obra”.