marea de vigo urxe ao concello mudar a desertización de programas de ocio xuvenil alternativo en vigo.

4 de Marzo de 2019

Marea de Vigo urxe ao Concello mudar a desertización de programas de ocio xuvenil alternativo en Vigo como política máis eficaz de evitar o fenómeno do ‘botellón’ de fin de semana.

Marea alerta da “case imposibilidade” dos locais con música en directo de levar adiante as súa programacións coa chegada da Lei de Espectáculos de Galicia e a inoperancia municipal para adaptar a ordenanza de ruídos que permitiría seguir programando música en directo, o que constitúe ademais unha alternativa de ocio.

Vigo, 04-03-2019. Varios locais da cidade están cancelando a súa programación de música en directo ao ser apercibidos pola policía local dende a entrada en vigor da Lei de Espectáculos de Galicia, ao non ter adaptado, por parte do Goberno local, a regulación municipal ao novo escenario legal. “A entrada en vigor da nova Lei pode ser unha boa oportunidade para a administración local á hora de ter un control real sobre os niveis de son nos espazos de ocio nocturno. Modificar a ordenanza correspondente, considerando a organización de concertos como ‘segunda actividade’ nos locais que ofrecen música en directo, axilizar a actualización das licenzas, ou mesmo introducir a participación municipal nas programacións de concertos, etc.. como vén de facer o Concello de Santiago de Compostela” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo considera que o aumento do fenómeno do ‘botellón’, forma parte da inexistencia real de espazos de socialización xuvenil, da desertización cultural que vive a cidade de Vigo e dunha política fracasada en materia de políticas xuvenís. “Nunha cidade onde as políticas para a xuventude sempre tiveron un oco importante nas programacións culturais e lúdicas, na prestación de servizos esenciais e mesmo nas partidas orzamentarias dos diferentes Gobernos locais que foron pasando ao longo dos anos, apenas queda nada. Mesmo recentemente o Goberno de Abel Caballero permitiuse desmantelar os servizos e programacións da Casa da Xuventude” matiza Rubén Pérez.

O Grupo municipal da Marea de Vigo lembra que xa levou ao Pleno unha moción para alertar de que nestas lexislaturas con Abel Caballero á fronte gran parte deste patrimonio e traballo multidisciplinar en políticas de xuventude foi desmantelado de xeito inexplicable. Fai uns anos liquidouse o exitoso programa Súbete ao Castro, que xerou numerosas queixas das persoas usuarias e que, pese ao anunciado polo Concello sobre a súa substitución por outro programa análogo, non existiu nin existe programa parecido dentro da esquelética programación xuvenil programada dende entón. Algunha dela foi pretendidamente derivada ao Auditorio Mar de Vigo pero resultou un rotundo fracaso e soamente tivo retorno positivo para algunhas empresas contratadas para tal fin. “ Do ‘magnífico plan’ anunciado pola concelleira de xuventude despois do desmantelamento dos servizos xuvenís da Casa da Xuventude, seguimos sen saber nada un ano despois” conclúe o voceiro municipal.