marea de vigo urxe reforzar o compromiso feminista do concello de vigo, especialmente agora ante a crise sanitaria e as súas consecuencias sobre as mulleres.

17 de Febreiro de 2021

Marea de Vigo urxe reforzar o compromiso feminista do Concello de Vigo, especialmente agora ante a crise sanitaria e as súas consecuencias sobre as mulleres.

Oriana Méndez: “Hoxe en día, o feminismo é máis necesario ca nunca para reverter a desigualdade, aínda máis profunda pola crise da covid19, debemos loitar contra a intolerancia e o odio que avanzan nalgúns sectores da sociedade”.

Vigo, 17-02-2021. Marea de Vigo rexistrou hoxe unha moción co gallo do 8 de marzo, nun ano no que, segundo avanzou Oriana Méndez na rolda de prensa ofrecida hoxe, “a pandemia da COVID-19 colócanos nunha situación de crise social e económica, na que non podemos permitir unha resposta sen unha perspectiva de xénero que polo tanto vaia acentuar, e incrementar as desigualdades que viven as mulleres. Porque as mulleres foron as protagonistas, tanto no eido sanitario, sendo a gran maioría das traballadoras, como nos coidados, asumindo unha maior carga de traballo no fogar”.

“Dende a Marea de Vigo temos que volver incidir, un ano máis, en que o Concello de Vigo debe reforzar as súas políticas de Igualdade para superar as múltiples fendas que enfrontan as mulleres, nomeadamente as veciñas de Vigo” apuntou Oriana Méndez. “Defendemos que o Concello de Vigo aumente o seu orzamento e reforce deste xeito o seu compromiso coa Igualdade, porque as administracións públicas deben facer efectivo o seu compromiso coa Igualdade non con discursos, non cunha pancarta colocada na fachada do Concello, senón con recursos que permiten desenvolver campañas e servizos” engadíu a concelleira.

A pesar do razoable do orzamento para a área de Igualdade, 1.253.000 euros, para Marea de Vigo, “este segue estando moi por detrás de outros concellos que teñen unha importancia semellante á de Vigo no seu ámbito de influencia, poñamos por caso o concello de Sevilla en Andalucía, que ten unha asignación de dous millóns de euros” sinalou a concelleira. “Non se trata de comparar por numero de habitantes senón pola relevancia dunha cidade como Vigo, locomotora de Galicia no económico e demográfico, e non se trata só de comparar en cifras económicas senón na aplicación de políticas e boas prácticas na loita pola igualdade. A participación ou a transparencia son exemplos, e por iso nós reivindicamos que o Concello fortaleza as súas políticas neste ámbito” matizou.

No texto da moción, Marea de Vigo fai fincapé no apoio ás accións desenvolvidas polos colectivos feministas para este 8 de marzo, no aumento e execución do orzamento destinado á Concellería de Igualdade, na necesidade da elaboración dun estudo do impacto social e económico da crise sanitaria nas mulleres, ou na aplicación da perspectiva de xénero en todas as áreas de Goberno, entre outros acordos.

Con especial relevancia, Marea de Vigo pide a creación dunha unidade de traballo social especializada e a execución de políticas públicas para que as mulleres vítimas de trata teñan alternativas reais de formación e emprego, vivenda e mecanismos de protección, para o que é preciso o apoio a iniciativas de colectivos coma Os Ninguéns, que traballan con mulleres en situación de máxima vulnerabilidade como son as mulleres prostituídas. “É imprescindible que a Declaración de Cidade Libre de Trata que foi aprobada no Pleno do Concello de Vigo, a proposta da Marea de Vigo, en 2017, non quede en papel mollado” concluíu a concelleira.

📌Texto da moción 👉🏽moción 8M rexistrada

📸 La voz de Galicia