marea de vigo valora os tres anos de lexislatura como un retroceso na participación democrática e na construción dun vigo socialmente integrador.

16 de Xuño de 2022

Marea de vigo valora os tres anos de lexislatura como un retroceso na participación democrática e na construción dun Vigo socialmente integrador.

Rubén Pérez: “Seguiremos defendendendo un modelo de cidade para os intereses da maioría, en contraposición ao que está construíndo o actual Goberno local”.

Marea de Vigo valora os tres anos de lexislatura incididindo nos consensos da esquerda política no eido municipal.

Vigo, 16-06-2022. Cumpridos tres anos de lexislatura, Marea de Vigo traslada hoxe a súa valoración dunha etapa “marcada” pola pandemia da COVID19, “uns anos complicados no ámbito municipal a raíz da paralización da actividade económica nos que os municipios tiveron que respostar dunha maneira inmediata ás necesidades da veciñanza” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Ante a realidade vivida nos pasados tres anos, Marea de Vigo fai unha valoración negativa sobre as prioridades que o Goberno de Abel Caballero “decidiu asumir ante unha situación tan complexa como a devengada da pandemia da COVID19” sinala Pérez. En lugar de facer políticas activas de emprego ou de vivenda, con independencia de cal sexa a administración con máis competencias ao respecto, “o Goberno local adicouse outra vez ás políticas inaugurables e de ornato, que únicamente buscan un impacto mediático e de oportunismo electoral mentres na nosa cidade hai centos de familias con importantes problemas de acceso á vivenda” matiza o voceiro. A isto súmase “a situación de precariedade laboral en certos sectores como o dos servizos, algo que un concello debe ter como prioridades antes de políticas efectivistas anunciadas a bombo e prato nos medios de comunicación” engade.

Nestes pasados anos sucedéronse importantes modificacións lexislativas, sobre todo no tocante á utilización dos recursos económicos e o debate xerado sobre a necesidade de recursos dos concellos como o de Vigo para poder empregar eses recursos extra en políticas expansivas. Ante isto, “Marea de Vigo sempre sostivo que a maior parte deses recursos tiñan que adicarse a construír ese escudo social, unha cobertura que lle dera garantías á veciñanza para que ante a subida dos prezos e os problemas de acceso á vivenda a administración dera unha resposta” suliña Rubén Pérez.
Marea de Vigo, que naceu no ano 2014 coma un espazo de encontro e confluencia municipal, no que tanto grupos políticos como persoas a título individual centráronse en cuestións locais, “sempre buscamos consenso e fumos quen de manter ese consenso político durante estes anos”. Na Marea de Vigo participan mulleres e homes de Esquerda Unida, Anova, Equo ou Podemos, xente que vén do movemento ecoloxista ou do tecido asociativo.

O empeño da Marea de Vigo no que queda de lexislatura é seguir traballando nese proceso de construción política. “Podemos ter diverxencias sobre como encarar o futuro do estado, ou sobre cal debe ser a formulación xurídica que a futuro se configure no estado español pero tamén podemos ter amplos consensos nas políticas de carácter municipal, tal e como ten acontecido e polo que temos traballado nestes anos” incide o voceiro.

Para Marea de Vigo, é prioritario seguir construíndo un espazo de unidade baixo a premisa de desenvolver un modelo de cidade para as persoas en contraposición ao modelo do Goberno actual, que prioriza ás concesionarias e aos intereses privados. “A nosa loita será sempre para a construción dunha cidade para toda a veciñanza e para os intereses da maioría” conclúe Pérez.