marea de vigo volve alertar da necesidade de políticas de aforro de consumo de auga ante os baixos niveis nos encoros que abastecen o municipio.

22 de Xullo de 2022

Marea de Vigo volve alertar da necesidade de políticas de aforro de consumo de auga ante os baixos niveis nos encoros que abastecen o municipio.

Rubén Pérez: “Mentres non se asuma o control do consumo de auga coma algo normal, estaremos errando nas políticas de prevención ante períodos de seca que, de seguir así, imos volver a vivir”.

Vigo, 22-07-2022. O organismo Augas de Galicia, dependente da Xunta, vén de remitir informes tanto ao Concello de Vigo como a outros concellos da contorna, nos que expón a necesidade de establecer políticas de aforro e contención ante a preocupante baixada do nivel de auga embalsada nos encoros que dan servizos aos concellos que abranguen a área metropolitana de Vigo.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, lembra que “hai semanas que solicitamos que se aplicaran de xeito inmediato medidas de contención”. O gasto de auga aumenta de maneira exponencial, “e se seguen levando a cabo práctias coma se non pasara nada”. Exemplo disto, segundo Pérez, son os “constantes baldeos das rúas coa auga do abastecemento e o feito de que permanezan sen arranxo as múltiples roturas da tubaxe sobre todo no ámbito rural”, provocadas en moitos casos polo mal estado das redes de tubaxe. “Danos non solventados – relata o voceiro – cos investimentos prometidos por parte de Aqualia ao non ser priorizados polo Goberno local”.

Marea de Vigo segue considerando que “é preciso facer políticas de prevención e contención do consumo de auga dende a administración local”, xa que “non é responsable pensar que como a previsión é que ata outubro está garantido o subministro de auga en Vigo e na súa contorna, non é necesario facer nin promover ningún tipo de aforro, cando nin tan sequera se están tendo en conta situacións imprevistas como lumes, que incrementarían notablemente o consumo de auga” afirma Rubén Pérez.

Marea de Vigo incide na existencia de “medidas de control que deben implementarse de xeito inmediato, coma son evitar os baldeos das rúas e controlar as fugas tanto na rede de tubaxes coma nos sistemas de rego instalados no municipio” detalla o voceiro.

O Grupo municipal considera que esta actitude só significa que “non se queren implementar medidas que impliquen unha redefinición e un cambio de modelo na cultura da xestión da auga pública, incluíndo o propio sistema concesional que temos en Vigo”. “Mentres non se asuma coma algo normal, estaremos errando nas políticas de aforro de consumo de auga e prevención ante períodos de seca que, de seguir así, imos volver a vivir” alerta Rubén Pérez.