marea de vigo denuncia a nefasta xestión da contratación pública de mantemento de zonas verdes e o xer

21 de Xullo de 2017

Marea de Vigo denuncia a nefasta xestión da contratación pública no Concello de Vigo, onde sempre pagan as consecuencias as traballadoras e traballadores, como é no contrato de Conservación e Mantemento de Zonas verdes ou o contrato do Servizo de Estacionamento Regulado (XER), a punto de ser adxudicado.

A estas alturas, pódese afirmar que o Goberno Municipal, ou non ten vontade de mellorar as políticas sobre as concesións públicas e o seu control, ou simplemente o está facendo dun xeito consciente e deliberado.

Sobre o contrato de Conservación e Mantemento de Zonas Verdes, situación denunciada repetidamente polo Comité de empresa, que está levando a cabo unha serie de mobilizacións nestes días, o Grupo Municipal da Marea de Vigo reitera a esixencia de responsabilidades ao Goberno Municipal pola nefasta ou nula xestión que se está facendo sobre o contrato de Mantemento e Conservación de Zonas Verdes, pola que levan pasado xa 3 empresas (2 son a mesma pero de xeito alterno) no que va de concesión e todo semella que non vai resolverse nun curto espazo de tempo.

Nestes momentos, a empresa que ostenta o servizo, Valoriza (empresa do Grupo Sacyr ben coñecida polas folgas e protestas laborais ocasionadas polos seus incumprimentos e impagos), non está cumprindo os pregos, polo que, de comezo, deberíanselle estar aplicando xa as sancións correspondentes, ademais da esixencia da solución inmediata do que se está a denunciar: non se cobren as vacacións e as baixas, non se contratou ao persoal que reflicten os pregos para as piscinas, cubrindo parte disto con horas extras. Nestes momentos, o cadro de persoal ten menos da metade de traballadoras e traballadores que debería ter segundo os pregos no servizo.

Para a Marea de Vigo, non vale a escusa sobre a situación contractual na que está esta concesión, nin para a empresa nin para o Goberno Municipal. Sería convinte que o Alcalde, cada vez que inaugura un anaco de rúa cunha xardineira, pensara nas traballadoras e traballadores que teñen que coidar dela e nos seus dereitos, mais que na “envexa a nivel mundial” que xeran as humanizacións viguesas.

Con respecto ao contrato da Zona Azul (XER) para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é inconcibible que a empresa que ten máis posibilidades de levarse o servizo, Dornier, o faga por ter rebaixado un 31% da oferta. Isto non é novo e vén sendo a causa de practicamente todos os problemas laborais que sofren os cadros de persoal das concesionarias. A prioridade e o premio ás rebaixas dos custes sobre a calidade do servizo e as condicións laborais das e dos traballadores. Neste caso, é todavía máis grave xa que, dita empresa, actual xestora do servizo, leva reclamándolle cartos ao Concello desde o ano 2014 a causa do equilibrio económico do propio servizo.

Para a Marea de Vigo, tal e como xa leva dito en moitas ocasións, cada día tórnase máis necesaria a convocatoria da Comisión de Vixilancia da Contratación Pública, xa non é só unha cuestión de convocar con normalidade os órganos de control que existen no Regulamento do Pleno de Vigo, senón pola situación de emerxencia que existe nas contratas municipais.

Á marxe de entrar en disquisicións polo que está ou non permitido pola lexislación en canto a contratación pública, para a Marea de Vigo isto non é máis que unha cuestión política; moitos concellos no ámbito do Estado están establecendo medidas que atinxen á contratación pública no eido dos dereitos laborais e os cumprimentos das empresas concesionarias, a única diferencia con este concello é a vontade política, o respecto aos dereitos das e dos traballadores, e tamén o respecto polos cartos públicos, porque, ao final, este tipo de contratos estanse levando millóns de euros das arcas municipais.