marea de vigo vota en contra da utilización do superávit que quere levar a cabo o goberno local.

20 de Xuño de 2018

Marea de Vigo denuncia que o goberno local quere adicar o superávit para tapar as vergoñas históricas deste Concello como a xestión do auditorio Mar de Vigo.

Rubén Pérez: “O superávit non deixa de ser máis que o resultado de deixar de executar partidas orzamentarias, moitas delas necesarias para a veciñanza e a cidade, e tamén moitas delas, nunca executadas pero si anunciadas a bombo e prato por parte do propio alcalde”.

Vigo, 20-06-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo emitiu un voto en contra na Comisión Informativa de Facenda que tivo lugar no día de hoxe, na que o goberno local levou o a aprobación do uso do superávit que pasará ao vindeiro Pleno do Concello que terá lugar o próximo mércores 17 de xuño. Para a Marea de Vigo, “o que está facendo o goberno local do PSOE sobre o uso do superávit é un continuísmo do que se fixo nos pasados anos, e non difire en absoluto dos mandatos do Partido Popular de fai anos sobre en que podía gastar un concello o superávit”, tal e como explicaba Rubén Pérez, na rolda de prensa ofrecida no día de hoxe.

Con respecto ao acontecido no pasado mes de febreiro, cando Abel Caballero como presidente da FEMP, xunto ao ex-ministro Montoro chegaron a un acordo para o desbloqueo do uso do superávit, o voceiro do grupo municipal afirmou que “todo foron fogos de artificio no referente a nosa cidade. O que se vai facer en Vigo co superávit, é exactamente o mesmo que xa se viña facendo antes do famoso acordo. Como exemplo, as humanizacións, ás que se vai adicar unha grande cantidade de medios económicos, mais primando aspectos que non están relacionados co saneamento e abastecemento, ao que se lle adica a menor parte. Nós consideramos que debería ser o contrario, xa que é precisamente o saneamento e a rede de abastecemento o que precisa de máis inversión”.

Por outra banda, o grupo municipal da Marea de Vigo, fixo unha crítica ao referente ao Auditorio Mar de Vigo. “Imos entregar 4 millóns de euros para pagar as consecuencias da nefasta xestión do auditorio Mar de Vigo, 4 millóns que o goberno local xustifica como ‘Equipamentos culturais e museos’, esta artimaña para nós é una completa manipulación sobre o propio acordo para poder adicar eses cartos, é é unha das razóns polas que votamos en contra” explicaba Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, tal e como ten afirmado noutras ocasións, o uso do superávit pode e debe adicarse a cuestións como a apertura de escolas infantís, centros de primaria, dotacións culturais ou asistencia social primaria.