marea de vigo votará negativamente á aprobación inicial dos orzamentos para o 2022 por carecer de investimento para a reconstrución económica da cidade.

16 de Novembro de 2021

Marea de Vigo votará negativamente á aprobación inicial dos Orzamentos para o 2022 por carecer de investimento para a reconstrución económica da cidade.

Rubén Pérez: “Imos votar negativamete a este proxecto orzamentario porque a maior parte dos recursos adícanse a cuestións inaugurables e de ornato na rúa, e non á reconstrución económica que precisa a cidade e que debe levar a cabo un goberno que se di progresista”.

16-11-2021. Mañá mércores previsiblemente o Pleno do Concello aprobará inicialmente o proxecto orzamentario presentado polo Goberno local para o vindeiro 2022 sobre o que o Grupo municipal da Marea de Vigo presentou unha emenda á totalidade na que solicitou a devolución do texto para que foran incorporadas unha serie de partidas como completar o catálogo de políticas sociais, investir en políticas activas de emprego ou incorporar axudas ao comercio local e a hostaleria máis aló de exencións nas taxas públicas. “O Goberno local respondeu á emenda da Marea de Vigo dicindo, literalmente, que é unha cuestión de quen ten os votos e non unha cuestión de análise sobre as propostas feitas” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo “pode e debe” elevar o gasto social. “Apenas estamos nos 64 euros por habitante cando deberían ser arredor de 100, seguimos moi lonxe de completar o catálogo de servizos sociais e de feito hai unha redución destas partidas ligada á existencia do Ingreso Mínimo Vital e da RISGA cando deberían ser todas axudas complementarias” destaca o voceiro.

A este escenario súmase a incerteza sobre a escasa execución orzamentaria deste ano 2021 – apenas o 40% – no que atinxe aos investimentos, “feito que, a todas luces, volverá a repetirse no vindeiro ano 2022” engade Pérez.

Por todo isto, o voto que emitirá mañá a Marea de Vigo á aprobación inicial dos orzamentos para o 2022 será negativo.