o grupo municipal da marea de vigo afirma que é necesario aumentar o importe das axudas municipais escolares de libros e comedor xa que levan sendo as mesmas dende hai dúas lexislaturas

30 de Maio de 2019

O Grupo municipal da Marea de Vigo afirma que é necesario aumentar o importe das axudas municipais escolares de libros e comedor xa que levan sendo as mesmas dende hai dúas lexislaturas

Rubén Pérez: “Non é razoable o aumento de gasto noutras partidas relacionadas con humanizacións e actuacións viarias e que levemos anos coa partida de bolsas de comedor e de material escolar co mesmo importe, 1.200.000 euros”.

“O que chama a atención son algunhas das modificacións que se fan desta volta no prego, xa que non son orientadas á educación pública, senón á concertada, aumentando os criterios para as subvencións nese eido, coma por exemplo a subvención do uniforme”.

Vigo, 30-05-2019. A Xunta de Goberno local vén que aprobar hoxe as bases que rexerán o programa de Axudas Municipais escolares de libros e comedor, axudas que estarán financiadas novamente polo mesmo importe de anos anteriores, a pesar de que os datos de renda familiar das persoas en situación de vulnerabilidade aumentan na cidade e asistimos a un encarecemento do prezo da vivenda e dos servizos básicos nos últimos anos, situación que deixa con menos recursos ás familias para afrontar gastos escolares e de comedor.

Marea de Vigo xa formulara no debate do orzamento para 2019 que os importes como os das bolsas de comedor e de material escolar pero tamén as axudas ás familias continuaban a moverse nos mesmos importes que en 2016, 2017 e 2018 e que o propio contexto económico obrigaba a reforzalas considerablemente.

No ano 2018 apenas 1240 axudas para nenos entre 3 e 5 anos e 3128 axudas de comedor entre setembro e xuño foron consignadas o que supón unha pequena parte da poboación escolar de Vigo de esa franxa de idade. “O que chama a atención – matiza Pérez – son algunhas das modificacións que se fan desta volta no prego, xa que non son orientadas á educación pública, senón á concertada, aumentando os criterios para as subvencións nese eido: eliminan a obrigatoriedade de uso do comedor escolar todo o mes, e, o máis sorprendente, inclúen os uniformes como elemento subvencionable. O que debe facer un Goberno local progresista é premer para un cambio de zonificación escolar que potencie o ensino público así como promover a apertura de novos centros públicos que poidan cubrir toda a demanda escolar, e deste xeito non continuar engordando as contas do ensino privado a través dos concertos”.

Marea de Vigo sigue a considerar como prioritario aumentar os importes das bolsas, dotando ao programa consecuentemente dun maior orzamento así como ampliar supostos subvencionables como os importes de actividades extra escolares ou excursións que se realicen no mesmo centro.