o grupo municipal da marea de vigo esixe ao alcalde do psoe abel caballero que cumpra co dito no pleno ao cadro de persoal da xer.

19 de Novembro de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo esixe ao alcalde do PSOE Abel Caballero que cumpra co dito no Pleno ao cadro de persoal da XER.

Xosé Lois Jácome: “É unha vergoña que tras 79 días de folga o Goberno responsable da concesión non fixera absolutamente nada para poñer solucións”.

Vigo, 19-11-2018. A asemblea de traballadoras e traballadores da contrata que xestiona o estacionamento regulado (XER) vén de acordar un peche indefinido nas instalacións que ten a empresa na rúa Pracer, xunto á realización dunha folga de fame que dará comezo no día de mañá, tras 79 dias de folga, e tras un peche no edificio do Concello a semana pasada que non tivo ningún tipo de resposta por parte do goberno local, “máis aló de tratar por todos os medios de acalalo incluso chegando a ‘insinuar’ que as lexítimas accións levadas a cabo por parte do persoal en folga non ‘axudaban’ á obtención de solucións, feito que lembra as peores prácticas antisindicales por parte das empresas máis reaccionarias” matiza Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

O grupo municipal da Marea de Vigo apoiará esta nova acción que levará a cabo o persoal da empresa Dornier-Empark, en folga dende hai máis de dous meses motivada polos 8 despedimentos executados pola empresa tras acceder ao contrato cunha rebaixa de máis do 30% e pídelle responsabilidades ao goberno local de Abel Caballero, que, ata o momento, nin ten recibido ao conxunto das traballadoras e traballadores da contrata municipal. “O alcalde do PSOE é responsable por ter asinado a adxudicación que provocou os 8 despedimentos, tras as reiteradas advertencias por parte da representación sindical da empresa, e é responsable por ter dado o seu apoio no Pleno do Concello chegando a afirmar, con moita grandilocuencia, que non habería despedimentos mentres el fora alcalde, cando os 8 despedimentos xa estaban executados e a folga xa levaba varios días activa” engade Xosé Lois Jácome.

Marea de Vigo insiste no apoio absoluto ao cadro de persoal en folga así como o apoio ao Goberno local para levar a cabo o rescate da concesión, botando fóra a Dornier-Empark e dando solucións aos 8 despedidos. “Isto non pode seguir así máis tempo, un goberno que se di progresista non pode actuar deste xeito cun persoal do que é tamén responsable, e cuxas reivindicacións di compartir. Non os van acalar, tal e como semella que pretenden facer” conclúe Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.