o grupo municipal da marea de vigo levará ao pleno do xoves unha moción para a garantía dun transporte metropolitano público e xusto.

2 de Abril de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo levará ao Pleno do xoves unha moción para a garantía dun transporte metropolitano público e xusto para a veciñanza de Vigo e da Área.

Marea de Vigo pon o foco sobre a xestión coa actual concesionaria do transporte urbano de Vigo en canto a súa capacidade de condicionar a política de transporte urbano e metropolitano.

Vigo, 02-04-2018. “A recente modificación da tarxeta de transporte urbano con custe á empresa concesionaria só pode responder a un interese empresarial da mesma, e isto soamente pode ir en dúas direccións, ou á ampliación da concesión que remata no 2019 ou á xustificación do custo en futuras amortizacións de inversións, condicionando así calquera cambio concesional” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo

No texto da moción, o grupo municipal valora unha serie de cuestións relativas aos motivos polos cales a concesionaria Vitrasa está levando a cabo esta inversión, como pode ser o adianto da renovación da flota ao ano 2017, ou o envío de cartas aos domicilios no nome do alcalde de Vigo, cuestionándose entón os motivos polos que unha empresa, no seu último ano de xestión dunha concesión de 25 anos fai unha inversión tan importante, en teoría “sen esperar nada a cambio”.

Marea de Vigo non nega que exista un debate sobre ligar a inversión que actualmente está facendo o Concello de Vigo co feito do empadroamento, xa que se subvenciona cada billete ordinario, e se establecen outras melloras como liñas especiais ou a habilitación do billete de transferencia; mais, nin se aplica este criterio noutras axudas análogas (coma o caso do IBI) nin o debate debería basearse unicamente no empadroamento, senón nos motivos polos que non existe un transporte metropolitano co-financiado entre Concello e Xunta que permita á veciñanza da área ter os mesmos niveis de bonificación sobre os billetes ordinarios do transporte urbano de Vigo, tal e como acontece á inversa, cando as e os viguesas/es utilizan o transporte interurbano por exemplo a Nigrán ou mesmo o trasporte de ría a Cangas de xeito bonificado sen que o Concello de Vigo poña un euro. “É urxente evitar este agravio no que a veciñanza destes concellos non poidan facer o mesmo porque Xunta e Concello de Vigo non chegan a un acordo” asevera Rubén Pérez.

Para isto, segundo explica a Marea de Vigo na súa moción, “non é necesaria Lei de Área Metropolitana, podendo asinar acordos de transporte baixo a lei de transporte público e plans de transportes análogos que así o permiten. Recuperando o convenio asinado entre Concello de Vigo e Xunta no 2016, clarificando que por suposto o transporte metropolitano é o que se produce entre dous concellos con medios de transporte públicos onde parte abona Concello e parte a Xunta de Galicia, evitaríase un esperpento e un aproveitamento oportunista de partidos políticos e alcaldes dunha situación que soamente beneficia a unha concesionaria privada como neste caso acontece con Vitrasa.”

Nos acordos da moción, o grupo municipal da Marea de Vigo pide instar á Xunta de Galicia a presentar un novo borrador de convenio de transporte metropolitano para os concellos relacionados na lei de área metropolitana de Vigo; insta ao alcalde a asumir o seu compromiso de “non prorrogar a concesión do transporte urbano de Vigo”en 2019 así como estudar fórmulas como a creación de empresa pública e pide ao Goberno Local condicionar as inversións inmediatas do grupo Avanza en Vitrasa a unha auditoría previa que avalíe o seu alcance no futuro concurso público de contratación do transporte urbano de Vigo.