o grupo municipal da marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pola retirada do proxecto de modificación da lei de saúde e en apoio á mobilización convocada por sos sanidade pública.

15 de Xaneiro de 2018

O Grupo Municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción pola retirada do Proxecto de modificación da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia e en apoio á mobilización convocada por SOS Sanidada Pública para o 4 de febreiro.

Marga L. Barreiro: “A aplicación de políticas favorecendo o interese privado en detrimento do público é unha das causas polas que se producen os recortes que estamos sufrindo nos últimos anos na sanidade pública. Este tipo de políticas, que ademais non contan coa participación social, son as que, nesta ocasión, o Partido Popular plasma neste Proxecto de Modificación da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia contra o que debemos debemos manifestarnos”

“A desaparición tanto do Consello Galego de Saúde como do tecido veciñal como entes con capacidade de participación e control sobre o sistema de Sanidade Pública son un exemplo máis das evidentes intencións da modificación da Lei, onde, curiosamente, non desaparece a representación empresarial” engade Marga L. Barreiro.

Para Marea de Vigo, tanto este aspecto como á incidencia que se realiza no proceso recentralizador da sanidade resultan aspectos inasumibles, ademais de incompatibles cunha Sanidade Pública de calidade onde a atención primaria, a prevención e a promoción da saúde sexan unha das bases fundamentais. “Reducir de 11 a 7 as Áreas Sanitarias coa clara intención de equiparalas ás EOXIS (Estruturas Organizativas de Xestión Integrada) vai afondar aínda máis no desmantelamento da Sanidade Pública, perdendo a Atención Primaria autonomía e orzamento. É necesario negociar a recuperación das Xerencias de Atención primaria coa autonomía e capacidade resulutiva necesaria para a promoción da saúde dende a entidade máis próxima á veciñanza” explica Marga L. Barreiro.

Entre os acordos da moción, por unha banda ínstase á Xunta á retirada do proxecto e á apertura dun proceso de negociación participativa e, no eido municipal, o Grupo Municipal da Marea de Vigo insta á Corporación Municipal a amosar un apoio expreso á mobilización que o vindeiro 4 de febreiro a Plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada a nivel de país, mobilización que terá lugar en Santiago de Compostela.

Para a Marea de Vigo, a defensa e mellora da Sanidade Pública sempre foi un piar fundamental, é por isto que, de novo, apoiará todas as accións que colectivamente decida levar adiante a Plataforma SOS Sanidade, como a devandita mobilización, ou as que se previamente sexan convocadas na nosa cidade, como é o caso da concentración para o 24 de xaneiro que terá lugar diante do PAC.