o grupo municipal da marea de vigo pide que as novas propostas para a panificadora concreten algo o futuro do edificio e lembra que son “as enésimas propostas sen vontade real de darlle solución a este espazo”

18 de Agosto de 2016

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PIDE QUE AS NOVAS PROPOSTAS PARA A PANIFICADORA CONCRETEN ALGO O FUTURO DO EDIFICIO E LEMBRA QUE SON “AS ENÉSIMAS PROPOSTAS SEN VONTADE REAL DE DARLLE SOLUCIÓN A ESTE ESPAZO”

Marea de Vigo pide información “real e actualizada” sobre o estado legal do ámbito trala anulación do PXOM, o custe expropiatorio que tería adquirir os terreos e a antiga fábrica, un proxecto arquitectónico concreto e unha priorización de usos que prime o público e o asociativo.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo suliñou hoxe que “de novo aparecen ideas pretendidamente audaces de que facer co edificio. Dende vivendas e oficinas, a biblioteca pública ou centro socio-cultural; ideas saídas dos sucesivos gobernos municipais, pero que non concretan nada sobre expropiación e adquisición dos terreos, como se artellará a redacción do proxecto e o encaixe na legalidade urbanística vixente e especialmente cal deben ser as prioridade de uso, e polo tanto orientación construtiva, do inmoble e os terrenos circundantes.”

Marea de Vigo sempre defendeu, e así figura no programa co que concurrimos ás eleccións municipais “a conservación e rehabilitación íntegra de todos os espazos, sen cambiar as súas características estruturais pero defendemos primar a reutilización como espazo público e aberto con titularidade pública, estando de forma continuada á disposición e servizo da cidadanía”. E polo tanto que Marea de Vigo fai súa a reivindicación do tecido asociativo e cultural de Vigo como espazo solidario e gratuito onde realizar actividades, ter locais propios as asociacións de todo tipo e poñer ao servizo dos vigueses e viguesas un espazo gratuito que evite os formatos privados e costosos da antiga obra social de Caixanova e o Auditorio Mar de Vigo por exemplo. Previamente, engade Rubén Pérez, teríase que declarar o complexo industrial como BIC (Ben de Interese Cultural) e incorporalo de xeito análogo ao conxunto histórico e artístico do Casco Vello.

Especialmente para a Marea de Vigo a Panificadora ten que conter un espazo que aporte alternativas ao auditorio Mar de Vigo, alternativas que teñen que ser gratuitas para o tecido social e cultural da cidade habida conta que os vigueses e viguesas tivemos que pagar o “sobreprezo” pola infraestructura do auditorio Mar de Vigo: orixinariamente cun proxecto de de 85,7 millóns (proxecto orixinal aprobado polo Goberno local en outubro de 2006) e que tivo un orzamento final de 154,5 millóns de euros.

Polo tanto defendendo que Vigo precisa dun gran Centro Social e Cultural (unha vez dinamitadas as obras sociais das Caixas, que no seu día cubrian en parte as necesidades da cidadanía nese aspecto), apostamos por que este centro sexa o edificio da actual panificadora, xuntando a vella idea de CASA DA SOLIDARIEDADE (edificio colectivo con oficinas e espazos de usos múltiples para as ONG´s e asociacións de Vigo) a de Cultural e Social, tal e como existe noutras cidades, onde a veciñanza pode atopar un espazo de lecer, onde desenvolver actividades e mesmo onde organizarse entre ela.