o grupo municipal da marea de vigo saca o seu cuarto número de “lúa”

16 de Xaneiro de 2019

O Grupo municipal da Marea de Vigo saca o seu cuarto número de “Lúa”, a publicación propia na que expresa a súa postura política con respecto á actualidade política local.

Neste número, o Grupo municipal da Marea de Vigo céntrase nos orzamentos municipais, destacando a falta de participación cidadá como eiva democrática.

Vigo, 16-01-2019. Marea de Vigo sostén que a calidade democrática dun goberno municipal debe ser medida polo nivel de participación da súa veciñanza, polo que, segundo explica no número de “Lúa”, propuxo tamén para os orzamentos do 2019, a aplicación de ferramentas de participación para parte dos investimentos do concello, tal e como ademais recomenda a FEMP que preside Abel Caballero.

En canto á entrevista deste número de “Lúa”, nesta ocasión fíxose a Gonzalo Marín, consultor da FAO, a UE e voceiro da Rede Auga Pública, que participou ademais no pasado mes de decembro no acto organizado pola Marea de Vigo sobre a remunicipalización da auga. A entrevista está centrada na loita pola xestión pública e democrática da auga que se está levando a cabo en moitas cidades e que a Marea de Vigo comparte, considerando a remunicipalización da auga en Vigo un alicerce fundamental no seu ideario.

No espazo adicado ao feminismo, co gallo do recente auxe dos fascismos en diversos puntos do mundo e as diferentes mobilizacións feministas, como a que tivo lugar onte en Vigo, analízase este “fenómeno” que pretende facer retroceder décadas nos dereitos das mulleres, e fixa a resposta na rúa e a través da loita feminista como ferramenta necesaria contra este retroceso, facendo fincapé na transversalidade do patriarcado e no fracaso do “feminismo institucional da igualdade”.

Alén disto, o Grupo municipal da Marea de Vigo tamén fala da situación do comercio local a causa das políticas do Goberno local con respecto á dinamización do comercio local, sobre políticas de promoción turística da cidade ou da petición para a declaración de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) a toda a desembocadura do Lagares.

PODES CONSULTALO NO SEGUINTE LINK: