o grupo municipal da marea de vigo solicitou hoxe a apertura dunha comisión especial de investigación para esclarecer as responsabilidades do accidente o pasado domingo no marisquiño.

14 de Agosto de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo solicitou hoxe a apertura dunha comisión especial de investigación para esclarecer as responsabilidades do accidente o pasado domingo no Marisquiño.

Rubén Pérez: “Sabiamos que as administracións implicadas neste suceso ían comezar un lamentable “xogo de pelota”, incluso con cambios de criterio certamente relevantes por parte dalgunha delas en menos de 24 horas”.

Vigo, 14-08-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo vén de rexistrar hoxe no Concello unha petición de Comisión Especial de Investigación Municipal na que solicita unha serie de informes, partes, así como os convenios existentes entre as administracións sobre todas as actuacións de información para “o primeiro que ten que facer Concello de Vigo é poñer enriba da mesa os mecanismos de control público necesarios para poder esclarecer o acontecido e dirimir as responsabilidades, a toda marxe das actuacións xudiciais que se realicen ao respecto” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo critica o oportunismo político que están amosando tanto o PSOE como o PP, cando ambos partidos pasaron por todas as administracións vinculadas ao espazo onde se produciu o accidente e, polo tanto, considera que é necesaria unha investigación sobre as actuacións realizadas e sobre todo, as non realizadas nesa zona desde o momento da súa construción.

Por outra banda, o grupo municipal da Marea de Vigo tamén considera necesario que se coñeza toda a información referente aos informes técnicos previos á celebración do Marisquiño 2018. “O plan de autoproteción feito por parte da organización do Marisquiño estaba presentado e presuntamente elaborado baixo os criterios e os requisitos solicitados por parte das entidades responsables dos diferentes espazos, mais o problema é que nese espazo, ningunha das entidades plantexou ningún tipo de requisito relacionado coa posibilidade de que acontecera o que finalmente aconteceu” engade Rubén Pérez.

Con respecto ao convenio ao que se está facendo colación tanto por parte do goberno local como por parte da Autoridade Portuaria, Marea de Vigo afirma que “se ese convenio é por desgraza interpretable, e a clase política e as administracións non eran capaces de darlle un contido real, as mesmas tiñan que ter xudicializado dito convenio, e o Concello de Vigo e a autoridade portuaria resolver así no xulgado cales son as responsabilidades de cada quen, e non esperar 15 ou 20 anos, tal e como sucede con este convenio”.

En definitiva, Marea de Vigo conclúe que “a irresponsabilidade foi non facer nada durante anos por estar nunha pugna constante por asumir a quen lle correspondía o mantemento do espazo e, xa acontecido o accidente, o que corresponde agora é evitar que volva a acontecer”.