o grupo municipal da marea de vigo súmase ás demandas da delegación saharauí en galicia e de sogaps en contra da participación de atlas pelagic en conxemar.

1 de Outubro de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo súmase ás demandas da Delegación Saharauí en Galicia e de SOGAPS en contra da participación de Atlas Pelagic en CONXEMAR

O grupo municipal non participará no acto inaugural de CONXEMAR pola participación da empresa Atlas Pelagic na feira de produtos conxelados.

Do mesmo xeito Marea de Vigo apoiará todas e cada unha das accións que se decidan facer en contra da participación desta empresa ao consideralo unha expresión de  lexitimidade da ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos.

As actividades da empresa Atlas Pelagic, con sede na cidade saharauí de Dajla, violan dun xeito flagrante as diversas sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo ao participar e beneficiarse do saqueo dos recursos naturais do Sáhara Occidental, ao non estar este suxeito á soberanía marroquí segundo ese mesmo Tribunal.

Marea de Vigo súmase á denuncia de Sogaps e da Delegación Saharahuí en contra das empresas que comercian con produtos do Sáhara Occidental como Atlas Pelagic, ao consideralas colaboradoras da ocupación militar ilexítima sobre o Sáhara Occidental que está mantendo Marrocos, espoliando ao pobo saharahuí que vive a día de hoxe unha constante violación de dereitos humanos.

Viva o Sáhara libre.